O concello de Santiso acollerá o 3 de xuño un curso de defensa persoal feminina
- Laura Moure

- 27 ene 2023
- 2 Min. de lectura
Forma parte dunha iniciativa da Deputación da Coruña que leva a un total de oito municipios na que poden participar persoas de 14 a 65 anos empadroadas nesta provincia
Laura Moure/Santiso
A Deputación da Coruña organiza unha nova edición dos cursos de defensa persoal feminina, que se celebrarán en oito concellos da provincia desde febreiro ata xuño. Entre estes concellos figura o de Santiso.

Segundo explicou a deputada de Deportes, Cristina Capelán, participantes terán a oportunidade de aprender e ensaiar técnicas de autodefensa e protocolos de actuación ante unha posible situación de perigo. Capelán destacou a elevada asistencia que rexistraron os cursos do ano pasado, aos que asistiron 418 mulleres en oito municipios.
O prazo de inscrición para o primeiro curso, que terá lugar en Aranga, abre este próximo luns, 30 de xaneiro, aínda que o seminario terá lugar o sábado 18 de febreiro. Será un dos oito seminarios que organiza a institución provincial ata o mes de xuño. Os restantes realizaranse en Lousame o 4 de marzo, en Tordoia o 8 de abril, en Vimianzo o 22 de abril, en Valdoviño o 6 de maio, en Ponteceso o 20 de maio, en Santiso o 3 de xuño e en Betanzos o 10 de xuño.
Os cursos, que son de balde, están dirixidos a persoas de 14 a 65 anos empadroadas en calquera concello da provincia da Coruña. Durante as clases poderán aprender técnicas de autodefensa e protocolos de actuación no ámbito da defensa persoal, ademais de incrementar o autocontrol en situacións de estrés. Os seminarios celebraranse os sábados en horario de mañá, de 10 a 14 horas. O número de prazas delimitado para cada unha das edicións é de 75 persoas.







Comentarios