O Concello de Rodeiro organiza un obradoiro para fomentar a igualdade a través das novas tecnoloxías
- ecosdacomarca
- 25 mar 2021
- 1 Min. de lectura
Será o 29 e 30 de marzo e está dirixido a rapaces de 12 a 17 anos
Laura Moure/Rodeiro
O Concello de Rodeiro organiza o obradoiro En liña coa igualdade, dirixido a rapazas e rapaces con idades comprendidas entre os 12 e os 17 anos. Trátase dunha proposta socioeducativa que procura fomentar a igualdade de xénero entre a mocidade a través das Tecnoloxías da Información e a Comunicación.
Esta iniciativa finánciase con cargo aos créditos recibidos do Ministerio de Igualdade, Secretaría de Estado de Igualdade e contra a violencia de xénero, ao abeiro das medidas recollidas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero.
As actividades desenvolveranse os vindeiros días 29 e 30 de marzo. A fin de manter os grupos burbulla creados nos centros educativos para minimizar o risco de contaxio e cumprir coas recomendacións sanitarias establecidas en torno á Covid-19, realizarase unha sesión presencial con cada grupo de traballo correspondente a cada curso de ESO.
O proxecto estrutúrase en torno a tres áreas temáticas: o uso das redes sociais, a visión da adolescencia na rede e a visión persoal da inmediatez. A partir de ditos bloques de contido, construirase un camiño de igualdade e non violencia, traballando dende o punto de vista da atención centrada na persoa para que os/as participantes cheguen dunha maneira eminentemente práctica aos contidos sinalados, a fin de favorecer a súa interiorización.
Unha educadora social experta en igualdade, Noelia Rodríguez, será a responsable do desenvolvemento do obradoiro e para participar nos mesmos é preciso inscribirse previam.ente no Servizo de Educación Familiar, xa que as prazas son limitadas.

A localidade de Rodeiro.
Comments