top of page

O Concello de Rodeiro denuncia "a absoluta falta de respecto institucional" de Luis López

Sinala que o presidente da Deputación e exalcalde de Camba "anunciou a concesión dunha axuda de 500.000 euros a través do PP de Rodeiro e non polos cauces oficiais"


Ecos da Comarca/Rodeiro

O Concello de Rodeiro denuncia "a absoluta falta de respecto institucional" do presidente da Deputación de Pontevedra e exalcalde de Camba, Luis López, "quen anunciou a concesión dunha axuda de 500.000 euros a través do Partido Popular de Rodeiro en vez de facelo polos cauces oficiais, onde a día de hoxe o Concello non ten nada oficial desa axuda".


"Unha vez máis, o PP intenta apropiarse de recursos públicos para facer propaganda política, cando esta axuda non é ningún favor nin unha concesión especial a Rodeiro, senón unha liña de financiamento para todos os concellos da provincia. Dende o Concello queremos deixar claro que o goberno municipal non precisa leccións de xestión do Partido Popular, que durante anos despilfarraba cartos públicos en obras sen utilidade real. Un claro exemplo diso foi o proxecto herdado do PP: un edificio polivalente que pouco ou nada servía para mellorar a vida dos veciños. O noso goberno tomou a decisión responsable de converter ese “mausoleo inútil” nun proxecto con impacto social real, apostando por:



  • Un Centro de Día, que ofrece servizos esenciais para os nosos maiores e facilita a conciliación das familias.

  • Un Punto de Atención Infantil, que responde ás necesidades dos máis pequenos e das súas familias".


PUBLICIDADE
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Este proxecto, apunta o Concello, "que si mellorará a vida da xente, require un investimento total de 1,2 millóns de euros, dos cales 700.000 euros sairán directamente do orzamento municipal. Isto demostra con feitos, e non con propaganda, o compromiso do goberno local cunha xestión seria e responsable". E engade que o Concello de Rodeiro "non vai permitir que o PP siga empregando recursos públicos para facer campaña política, nin que intente enganar á veciñanza apropiándose dun financiamento que corresponde a todos os concellos. A realidade é clara: mentres o PP gastaba en humanizacións innecesarias, o actual goberno aposta por servizos reais para a xente de Rodeiro".


"Seguiremos traballando con transparencia, responsabilidade e pensando no benestar da nosa veciñanza, por moito que a vella política do PP tente entorpecelo", conclúe o equipo de goberno.

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page