O Concello de Rodeiro amplía a cobertura móbil e 5G cunha nova antena en San Martiño de Asperelo
- Laura Moure
- 27 mar
- 2 Min. de lectura
Corrixirá as deficiencias de cobertura que afectaban a zona sur do concello, entre elas as parroquias de Asperelo, San Paio, Arnego, Carboentes e Álceme
Laura Moure/Rodeiro
O Concello de Rodeiro continúa mellorando as infraestruturas de comunicación coa instalación dunha segunda antena de telefonía móbil, que permitirá ofrecer cobertura móbil e servizo 5G na zona sur do municipio. A nova antena, situada na parroquia de San Martiño de Asperelo, corrixirá as deficiencias de cobertura que afectaban a zona sur do concello, as parroquias de Asperelo, San Paio, Arnego, Carboentes, Álceme, e outras parroquias que dende esta antena dará cobertura.

Con esta nova infraestrutura, que se suma á antena instalada recentemente na parroquia do Salto, que dará cobertura a zona norte do concello, as parroquias do Salto, Vilela, San Salvador, Santa Mariña, Portela, Gillar, o Az, etc, Rodeiro logra cubrir o 95% do territorio municipal con servizo móbil e 5G, un avance fundamental para a comunicación, o traballo e o día a día da veciñanza.
Publicidade
A antena de San Martiño de Asperelo está sendo instalada nestes días e, aínda que xa se atopa en posición, deberá agardar aproximadamente un mes ata que se realice a conexión eléctrica necesaria para a súa posta en funcionamento. Segundo as previsións, entrará en servizo nun prazo de entre un mes e un mes e medio. "Desde o Concello de Rodeiro, queremos destacar o esforzo realizado para solucionar os problemas de cobertura que afectaban a numerosas parroquias. A implantación destas dúas novas antenas responde ao compromiso do goberno municipal de mellorar as telecomunicacións, un aspecto clave para o desenvolvemento do rural, facilitando tanto a actividade económica como a comunicación dos veciños. Seguiremos traballando para que Rodeiro conte cunha cobertura óptima e acorde ás necesidades", salienta o alcalde, José Luis Camiñas.
Comments