Prorrogado o contrato de recollida do lixo por un ano á empresa Servicios, Obras y Limpiezas por algo máis de 149.000 euros
Ecos da Comarca/O Pino
A Corporación do Pino aprobou este mércores en Pleno por unanimidade unha declaración institucional en apoio ao sector do taxi do municipio, para que estes profesionais poidan recoller viaxeiros no aeroporto de Lavacolla - Rosalía de Castro. Para
que isto sexa posible, o Concello de O Pino solicítalle ao de Santiago que autorice que os
catro taxistas do Pino poidan traballar tamén no aeroporto. Na sesión de onte tamén se
acordou prorrogar por un ano o contrato de recollida do lixo e se aprobaron as ordenanzas
reguladoras de prestación de alimentos e de axudas por emerxencia social, entre outros
asuntos.
O alcalde do Pino, Manuel Taboada, propúxolle ao Pleno da Corporación aprobar unha declaración institucional de apoio aos taxistas do municipio, para que poidan traballar no
aeroporto de Lavacolla. Nestas momentos, tan só os profesionais de Santiago poden recoller no aeroporto aos viaxeiros que chegan en avión ao aeroporto Rosalía de Castro. Manuel Taboada lembrou que Concello de Santiago é quen ten a competencia para permitir que taxistas doutros municipios poidan recoller pasaxeiros en Lavacolla, un aeroporto polo que en 2023 pasaron máis de tres millóns de persoas.
Na declaración, asinada polos portavoces dos tres grupos políticos municipais, sinálase que parte das pistas do aeroporto están situadas nos municipios do Pino e de Boqueixón e
houbo épocas nas que, ademais dos de Compostela, se permitía a taxistas doutros municipios traballar en Lavacolla. Taboada recalcou que se o Concello de Santiago, “que é
o que ten as competencias nesta materia, autoriza os taxistas do Pino traballar no aeroporto, a Xunta non porá ningún impedimento”. Ademais, a declaración institucional
insta á Dirección Xeral de Mobilidade para que, unha vez que o Concello de Santiago
autorice, tramite a autorización administrativa.
Publicidade
A declaración institucional foi aprobada polos tres grupos políticos da Corporación e os
taxistas do Pino asistiron ao Pleno como público. Ademais, o BNG decidiu retirar unha
moción que presentara sobre este mesmo tema.
Na sesión tamén se acordou por unanimidade prorrogar un ano máis o contrato de recollida de residuos urbanos e limpeza viaria do concello do Pino á empresa Servicios,
Obras y Limpiezas SA, que leva realizando este traballo dende o ano 2021, cando se lle
adxudicou o servizo. Esta prórroga vai representar para o Concello un desembolso lixeiramente superior aos 149.000 euros, xa que aos 133.667 euros anuais recollidos na
adxudicación deste servizo, o contrato ampliouse recentemente para incluír a recollida e
transporte dos residuos orgánicos (con 120 contedores marróns e a limpeza dos mesmos)
cun importe de 15.530 euros.
Publicidade
Tamén por unanimidade aprobouse inicialmente a ordenanza reguladora da prestación de alimentos do Concello. A finalidade da mesma é regular o procedemento de concesión dos
alimentos de cara a garantir que se beneficien desta prestación as persoas que se atopen
nunha situación de precariedade económica, con dificultades para a cobertura da
necesidade básica de alimentación.
O Pleno ratificou tamén a ordenanza reguladora das axudas de emerxencia social do Concello. Estas axudas están destinadas a paliar ou resolver, por si mesmas ou de xeito
complementario con outros recursos ou prestacións, situacións de urxente necesidade,
xeradas por emerxencia individual ou familiar derivada de gastos específicos relativos a
necesidades básicas.
POS e modificación do PXOM
Cos votos a favor do equipo de goberno popular, do PSdeG e do BNG aprobouse a segunda fase do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal adicional (a segunda fase do POS+ adicional). O Pino vai destinar os 62.746 euros de orzamento para sufragar gastos correntes diferentes aos solicitados na primeira fase do POS+.
Publicidade
A Corporación tamén ratificou a cuarta addenda ao convenio de colaboración con Augas de Galicia para a construción da depuradora de Arca, debido a modificacións do proxecto
necesarias para a execución das mesmas. O importe total das obras ascende a 2.225.366
euros, dos que a maior parte (1.247.707 €) corresponden ao presente exercicio e outros
187.603,24 están contemplados para 2025, coincidindo coa certificación final de obra. A
depuradora está previsto que comece a funcionar este mesmo ano, segundo explicou a
conselleira de Medio Ambiente na visita que fixo ás obras o pasado mes de maio.
Tamén por unanimidade, o Pleno aprobou propoñer unha modificación do PXOM para
cualificar dúas parcelas na parroquia de Arca como solo urbano consolidado, dando así
cumprimento ás sentencias do TSXG, que estimou os recursos presentados polos
propietarios das mesmas.
Comments