A través dunha subvención de Augas de Galicia por importe de 48.300 euros levou a cabo o bombeo de fangos dende esta estación ata a depuradora municipal
Laura Moure/Monterroso
O Concello de Monterroso remata unha importante actuación no tratamento da auga municipal. A través dunha subvención de Augas de Galicia por importe de 48.300 euros
vense de realizar a actuación de bombeo de fangos dende a estación de tratamento de auga potable ata a depuradora municipal.
"Con esta actuación non só se mellora a calidade da auga dos monterrosinos senón tamén que se elimina un foco de contaminación no cauce do río Ulla. Polo tanto, os fangos xerados no decantador e nos filtros da depuradora da estación de tratamento de auga potable bombéanse de forma que van á rede de saneamento para que sexan tratados directamente no estación de depuración de augas residuais", explica o Concello.
Ata o momento a purga de fangos facíase de forma puntual e controlándose de maneira manual o que podía provocar unha menor calidade da auga e un vertido directo ao río. A alcaldesa de Monterroso, Rocío Seijas, destaca que esta obra forma parte do "compromiso do equipo de goberno para mellorar a calidade de vida dos veciños e mellorar os servizos".
Ademais, sinala que con esta actuación non só se mellora a calidade da auga senón que se evita a contaminación dun ben de gran valor ambiental como é o Río Ulla. Así mesmo a rexidora recalca que "é importante o compromiso da Xunta de Galicia neste senso incluíndo unha partida orzamentaria de case tres millóns de euros nos seus orzamentos de 2022 para o saneamento municipal de Monterroso".

Comentarios