top of page
Foto del escritorecosdacomarca

O Concello de Monterroso licitará o SAF ao carecer de persoal suficiente para atender aos usuarios

"As traballadoras subrogaranse con todos os seus dereitos e gozarán das mesmas condicións laborais que teñen actualmente", incide o goberno local


Laura Moure/Monterroso

O Concello de Monterroso licitará o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para solventar os problemas que se veñen sucedendo durante un longo período de tempo e que supoñen serios inconvintes para os usuarios e usuarias deste servizo. "Os problemas que se veñen arrastrando durante anos e que xa se trataron e debatiron no Pleno da Corporación, supoñen que non se poden atender aos usuarios de alta, nin tampoco proceder á xestión de máis altas. Todo iso, implica complicacións para organizar diariamente os horarios; incluso algún día quedan usuarios sen atender ou dase rotación nos turnos das auxiliares que prestan o servizo, o que supón un certo impacto tanto nas traballadoras como nos usuarios e usuarias", sinala o Concello.


Ademais, indica que en plena pandemia e ata o momento incluso se tivo que apoiar o servizo cas auxiliares do Centro de Día, dado que o Concello carecía de persoal suficiente. "Ante a inminente reapertura do Centro, as dúas auxiliares que apoiaban o Servizo de Axuda no Fogar volverán os seus postos de traballo e agudizarase o problema". Como consecuencia da escasez de medios humanos, derivados en parte das numerosas baixas médicas das auxiliares de axuda no fogar e a escasez de persoal que se apuntou ás ofertas de traballo do Concello (todas as persoas que se apuntaron están traballando) o Concello vese na obriga de externalizar un servizo tan importante, tal e como sinala.


"As traballadoras subrogaranse con todos os seus dereitos e gozarán das mesmas condicións laborais que teñen actualmente. Co contrato de servizos que se sacará a licitación nos próximos días habrá unha coordinación absoluta entre o Concello e a empresa adxudicataria". O Concello marcará as directrices de organización e xestión do servizo, dirixirá as actividades e controlará o correcto desenvolvemento das prestacións. Tamén xestionará o cobro das tasas, fiscalizará a xestión do servizo e inspeccionará as tareas que se desenvolvan para comprobar se son acordes ás indicacións dadas polo Concello. Igualmente, será o Concello o encargado de realizar a valoración de cada usuario e deseñar a intervención, así como evaluar continuamente os cambios.


Melloras no servizo

Nos pregos administrativos establécense melloras no servizo, como unha bolsa de 600 horas gratuítas anuales de libre disposición para o Concello e o servizo gratuíto de préstamo de axudas técnicas para persoas en situación de dependencia, ou dependencia temporal, como son as grúas de movilización personal, camas articuladas e cadeiras bañeiras.


"A decisión foi tomada en base a informes técnicos e ante a problemática dos últimos tempos polo que considera que o acordo adoptado será moi beneficioso para os usuarios e usuarias do servizo e expresa a súa total disposición para mellorar as prestacións sociais do Concello. Así mesmo, o Concello en colaboración con outros Concellos limítrofes organizará accións para impartir formación no ámbito sociosanitario, dada a importancia da atención no cuidado dos nosos maiores", informa o equipo de goberno.


O PSOE considera que é un decisión equivocada

"Hoxe enterámonos pola páxina do Facebook do Concello que o equipo de goberno ten a intención de privatizar o SAF, segundo recolle o comunicado para solventar os problemas do servizo. Na nosa opinión están equivocados o que pretenden é que unha empresa lles solvente a falta de xestión do equipo de goberno, un equipo de goberno que lle costa máis de 100.000 euros aos veciños ao ano e que supostamente están para xestionar", recrimina o PSOE de Monterroso.


Considera que "a privatización de servicios públicos, neste caso un servizo esencial, e máis nos tempos que corren, o único que traen detrás é precaridade nun servicio que xa está en precario". E engade que "naide se lle escapa que ningunha empresa vai vir a Monterroso a outra cousa que non sexa a gañar diñeiro, como é lóxico, un diñeiro que nos sae a todos dos nosos petos".


Os socialistas tamén fan referencia á falta de persoal como apunta o Concello para tomar esta decisión. "Din no comunicado que teñen problemas para cubrir as baixas, que non se apunta xente na bolsa de emprego… pregúntense vostedes cal é a razón. Pero ao mesmo tempo que van subrogar ás traballadoras nas mesmas condicións, é decir os “xestores” do noso Concello non atopan xente para traballar, pero a empresa si vai atopar, ¿quen falla?", pregúntanse.


Ao mesmo tempo esixen saber "canto diñeiro máis vai costar o servicio a todos os veciños, xa que volvemos recordar que a empresa que recolla o servicio vén a sacar un beneficio empresarial. Ademais, e para nosa incredulidade, dámonos conta que o equipo de goberno minte e mentiu unha vez máis, xa se volveu en algo habitual, cando nos dixo que o Centro de Día estaba pechado por mor dunhas obras de adaptación para a Covid-19", acusa o PSOE.

0 comentarios

Komentari


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page