O Concello de Monterroso impulsa a recuperación do disfrace de fulicheiro na súa festa do Entroido
- Laura Moure
- 19 feb
- 2 Min. de lectura
O Goberno local destina preto de 2.000 euros aos premios desta cita que terá lugar no Auditorio Municipal o 4 de marzo
Laura Moure/Monterroso
O Goberno local do Concello de Monterroso celebrará o día grande do Entroido o vindeiro martes 4 de marzo. Ademais dos premios convencionais para as comparsas, grupos e individuais, nesta edición preténdese impulsar a recuperación do disfrace de fulicheiro, unha figura doEntroido de antano baseada nas vestimentas tradicionais que foran deixando de ser empregadas no día a día (a base de roupa vella, xa non útil para as
tarefas cotiás).

O premio ao Mellor Fulicheiro estará dotado con 100 euros. En total, o Concello de Monterroso repartirá preto de 2.000 euros en premios que distribúe nas seguintes categorías:

Publicidade
Desfile e entrega de premios
Os participantes poderanse inscribir no Espazo Cultural Lorenzo Varela ata o venres 28 de febreiro ou no punto de saída do desfile na Rúa Camiño Real (xunto ao Lavadoiro da Ulloa) dende ás 16:30. A saída do desfile será ás 17:30 horas.
Os participantes deberán formar parte do desfile e realizar unha parodia no Auditorio Municipal. Non se permite a participación con animais.
O concurso será fallado por un representante maior de idade de cada comparsa que non poderá votar polo seu propio grupo. Tamén haberá un secretario, persoal do Concello, sen voz e sen voto, que certificará o cumprimento das condicións establecidas nas bases e elaborará unha acta na que conste a resolución de disfraces premiados no concurso, asinada por todos os membros.
O xurado avaliará especialmente, entre outros aspectos: a animación, a creatividade, a orixinalidade e espontaneidade dos participantes. Os premiados daranse a coñecer na Cúpula ao remate do Concurso de Disfraces sobre as 20:30 horas, dependendo da duración das parodias e do número de participantes.
Comentarios