Os distintos municipios por onde pasa o Camiño sumarán forzas para promocionar as rutas xacobeas
Laura Moure/Monterroso
O Delegado da Xunta Javier Arias, o alcalde de Taboada, a investigadora María José Gómez Alvite e a alcaldesa, tenente alcalde e concelleiro de cultura do Concello de Monterroso reuníronse esta semana para buscar formas de colaboración para poñer en valor a ruta do Camiño Santo.
"Esta ruta foi utilizada como ruta de peregrinaxe e tamén como vía comercial utilizada especialmente polos Maragatos pola importancia das feiras de Monterroso", apunta o Concello de Monterroso. "Son numerosos os vestixios atopados ao longo do seu trazado. Son numerosas as infraestruturas como alberguerías, ventas, igrexas, capelas e distitntas casas de orde, monasterios, bailías, prioratos, insignias identificativas, petos de ánimas, etc. Tamén é importante a toponimia e as testemuñas a través de textos legais, libros de viaxeiros ou testemuñas vivas que mostran e demostran a viabilidade desta ruta", engade.
Polo tanto, o equipo de goberno monterrosino considera que "esta é a primeira pedra para promocionar esta importante ruta que busca a potencialización dos nosos recursos tanto culturais, turísticos e paisaxísticos".
Nos vindeiros días serán convocados os representantes dos Concellos polos que pasa o camiño, é dicir, Pedrafita do Cebreiro, Folgoso do Courel, O Incio, Bóveda, O Saviñao, Taboada, Palas de Rei e Melide ( este último onde conflúe co Camiño Francés) para buscar unha acción conxunta de promoción como ruta cultural e comercial e estudala conxuntamente para lograr o seu recoñecemento como ruta de peregrinaxe.
"O equipo de Goberno continúa a traballar por potenciar Monterroso, a súa cultura, o seu patrimonio, o seu turismo, a súa paisaxe e poñer en valor todos os seus recursos".
O Consistorio de Monterroso.
Autor: Ecos da Comarca.
Comments