Nesta edición a contía dos premios aumenta fronte a anos anteriores, cun primeiro premio que sobe de 600 a 1.000 euros
Laura Moure/Melide
O Concello de Melide lanza unha nova edición do concurso de escaparates de Nadal, no que poderán participar todos os establecementos comerciais ou hostaleiros da localidade tal e como foi anunciado este xoves polo Concello. A decoración do escaparate ou establecemento a concurso deberá gardar relación cos motivos e ambientes de Nadal.
O xurado terá en conta no seu fallo factores como a orixinalidade, montaxe, estética, creatividade e ambientación propia do Nadal. En caso de que o escaparate inclúa textos, deberán estar en lingua galega. Para participar no concurso, os escaparates deberán manter a decoración polo menos entre o 9 de decembro de 2021 e o 6 de xaneiro de 2022.
Deberán inscribirse na Concellería de Promoción Económica e Facenda escribindo ao correo electrónico promocioneconomica@concellodemelide.gal antes do 3 de decembro de 2021.
Premios
Nesta edición, o concurso repartirá tres premios nunha única categoría de Escaparates.
O primeiro será de 1.000 euros, o segundo, de 500, e de 250 euros o terceiro. Nesta ocasión todos os premios serán un 66% máis altos ca na edición de 2020.
Os membros do xurado, que serán designados en número impar dende a concellería de Promoción Económica e Facenda, decidirá por maioría os establecementos gañadores. A decisión será pública, anunciándose o 30 de decembro ás 20:30 horas no Salón de Plenos da Casa do Concello.
コメント