top of page

O Concello de Melide estabilizará case 30 prazas de persoal laboral temporal

Ademais, o órgano de goberno acorda adxudicar as obras da rúa Campo Grande, uns traballos que se estenderán durante medio ano para humanizar e mellorar este vial


Laura Moure/Melide

A Xunta de Goberno Local de Melide aprobou na súa xuntanza do 26 de maio avanzar na consolidación e estabilización de prazas de persoal laboral co obxectivo de reducir a temporalidade no emprego público ao abeiro da Lei 20/2021. Deste xeito, o alcalde, José Manuel Pérez, asinou unha resolución pola que dá conta á Mesa Xeral de Negociación da

relación de prazas a incluír na Oferta de Emprego Público para a Estabilización de Emprego Temporal. Esta listaxe recolle 29 prazas de profesorado do conservatorio, locución na radio municipal, animación deportiva ou cultural e profesionais do Centro de Información da Muller, entre outras. A Secretaría e a Intervención Municipal deberán emitir agora informe para a elaboración da proposta de acordo definitiva.

Mediante esta estabilización laboral, Melide cumprirá co compromiso dun emprego estable e de redución da temporalidade na Administración pública. Deste modo, o Concello reducirá o peso do persoal interino. A oferta de emprego público que articula este proceso de estabilización do emprego estará aprobada antes do vindeiro mércores, 1 de xuño.


Reforma e humanización

Na mesma reunión da Xunta de Goberno local ficou aprobada a adxudicación da obra de reforma e posta en valor da Rúa Campo Grande. Esta obra, incluída no POS+ ADICIONAL 1/2019 foi adxudicada á empresa Construcións Leonardo Miguelez SL por preto de 261.000 euros, o que supón unha baixa de máis de 37.000 fronte ao prezo de licitación.


Os traballos estenderanse durante seis meses e incluirán a renovación do firme da rúa e a humanización e mellora da accesibilidade da mesma. Desta forma, o pavimento peonil e o destinado ao tráfico situaranse na mesma altura, co espazo de cada un debidamente sinalado.

Tamén se levará a cabo unha nova obra de separación de saneamento e pluviais, renovándose a rede de abastecemento e instalándose unha canalización común soterrada para telecomunicacións, subministro de electricidade e iluminación. No espazo libre á entrada da rúa instalarase un banco de pedra, árbores e máis un posto de iluminación. Ademais instalarase un elemento que agoche as infraestruturas destinadas á recollida de residuos.


Este proxecto ten en conta o traballo da Mancomunidade de municipios galegos do Camiño Francés que procura potenciar a imaxe corporativa mediante a fixación de elementos comúns nas obras do Camiño xacobeo.

Comentários


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page