Os negocios da localidade que queiran participar teñen ata o día 4 de xuño para inscribirse nesta campaña
Laura Moure/Melide
O Concello de Melide, dende a súa Concellaría de Promoción Económica, poñerá en marcha unha campaña para a reactivación económica da hostalería local. Repartiranse un total de 1.000 bonos, cun valor unitario de 30 euros, dos cales o Concello asumirá 10 euros, achegando os usuarios os 20 restantes. Os bonos non serán intercambiables por cartos podendo cada persoa mercar dous bonos. Para a adquisición dos bonos terase que presentar o DNI e ser maior de idade.
O único requisito para participar é contar cun local de hostalería no noso Concello e acudir a dependencias municipais a realizar a inscrición, momento no que se lles facilitará o distintivo que deberán colocar nun lugar visible do establecemento para a súa identificación como local participante.
Para a adquisición do bono os usuarios e usuarias terán que desprazarse ao edificio multiusos a partir do día 1 de xuño, de luns a venres en horario de 11:00 a 13:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas e poderanse usar ata o 7 de xullo. Os locais de hostalería de Melide que opten por participar no programa deberán inscribirse en dependencias municipais ata o vindeiro 4 de xuño.
"Con esta iniciativa, o goberno local segue a contribuír na recuperación económica de sectores fundamentais e estratéxicos do noso Concello", apunta.
Comments