top of page
Foto del escritorLaura Moure

O Concello de Melide acondiciona unha senda peonil na área de Folicheiro

A obra ten un custe de 99.321,35 euros e a súa duración será de catro meses


Laura Moure/Melide

O Concello de Melide está a levar a cabo obras de acondicionamento dunha senda peonil nun vial da rúa Folicheiro. Os traballos teñen por obxectivo mellorar a seguridade viaria na área a través da creación desta senda nunha vía que habitualmente é moi transitada por peóns. Ademais, a obra inclúe traballos de mellora da pavimentación existente, recollida de augas e área de estacionamento para vehículos.


O goberno local salienta que coa execución destes traballos procura ofrecer "unha vía segura máis ao numeroso grupo de persoas afeccionadas ás andainas no noso municipio". Destaca o Concello que a nova vía enlazará co Camiño de Santiago en Furelos, ofrecendo novos espazos para camiñar seguros dentro da localidade.

A senda peonil, a ambas as beiras da vía, terá unha lonxitude total de 663,78 metros, cun ancho medio de dous metros.


Actuacións levadas a cabo

A obra contempla intervencións sobre varios aspectos. Por unha banda, vaise realizar unha rede de recollida de augas pluviais a través dunha rigola prefabricada de formigón, sumidoiros e canalizacións de 400 mm. Por outra banda, na senda peonil realizarase a escavación necesaria para retirar o material que non vaia aproveitarse e procederase a encher con material seleccionado, subbase de zahorra artificial e pavimento de mestura bituminosa en quente.


Na área de estacionamento vai escavarse para retirar o material non aproveitable e encher con novo material: subbase de zahorra artificial e pedra con dous tratamentos asfálticos, acabando cunha capa de MBC. No vial actualmente existente vaise levar a cabo unha repavimentación con MBC de espesor de cinco centímetros.


Todas as actuacións están a levarse a cabo en terreos públicos de propiedade municipal. O orzamento da obra é de 99.321,35 €, e os traballos durarán catro meses.

0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page