top of page
Foto del escritorLaura Moure

O Concello de Lalín pon en marcha un scape room en exteriores e actividades de aventura este verán

A participación será aberta e gratuíta para todas as persoas empadroadas neste municipio


Laura Moure/Lalín

O Concello de Lalín pon en marcha este verán un scape room en exteriores por todo Lalín e actividades de aventura coas que promove un ocio saudable na mocidade e ofrece espazos de comunicación familiar. A participación será aberta e gratuíta para todas as persoas empadroadas en Lalín en todas as actividades deste programa denominado Desenrétate!-off line co lema Reconecta co real, mediante previa solicitude dos bonos de xogo e a cobertura dos formularios de solicitude online


A concelleira de Sanidade, Eva Montoto, sinala que “a fin de promover un ocio alternativo e saudable na mocidade, e continuando coa proposta iniciada o ano pasado coa iniciativa de autocine e cine de verán que tivo moi boa acollida, este verán imos poñer en marcha o programa Desenrétate!-off line co lema Reconecta co real”.

“Este novidoso programa conleva a activación dun scape room (xogo de aventura nos que os participantes teñen que resolver enigmas a través dunha serie de pista) así como actividades de aventuras como tirolina, rápel, tiro con arco e caiac, que darán comezo o 23 de xullo e que se desenvolverán ao longo do mes de agosto, coas que pretendemos fomentar un tempo de lecer san para familias e adolescentes”, remarca Montoto. A responsable municipal informa que “para poder participar nestas actividades que son todas gratuítas para os empadroados en Lalín, as persoas que desexen tomar parte nelas terán que solicitar os bonos de xogo cubrindo os formularios de solicitude. Existe un número limitado de bonos para cada actividade e farase por orde de solicitude”.

Ademais, subliña que “segundo os datos obtidos pola Concellería de Sanidade dende o Servizo de Prevención de Adiccións do Concello de Lalín, viuse que o 20% dos mozos entre os 14 e 18 anos fai un uso compulsivo de internet; o 82,2% xogan a videoxogos, -esta a súa canle principal de ocio- e que o 10,3% xogan a apostas online malia a ser esta unha actividade non permitida en menores. Tendo en conta estas circunstancias decidimos desde o Concello fomentar a prevención fronte ao abuso e adicción ás novas tecnoloxías”, fai fincapé. Tamén na enquisa ás familias desenvolvida por este servizo observouse unha alta preocupación por parte do 78% dos proxenitores acerca do uso excesivo que fan os seus fillos das TICs. Na mesma enquisa, nais e pais demandan actividades alternativas nas que os menores poidan ocupar o seu tempo de ocio. “Dado que a adolescencia é unha etapa crítica cun maior risco no inicio do consumo de substancias é preciso xerar factores de protección. É de destacar que durante a época estival é cando se producen frecuentemente o inicio de consumo destas substancias, precisamente como unha forma de ocupar o maior tempo que dispón. Con estas actividades que poñemos en marcha non só pretendemos ofrecer oportunidades de ocio e promover actitudes favorables cara a realización de actividades saudables, senón que tamén se pretende ofrecer espazos de comunicación familiar como factor de protección”, explica. O Segredo de Lalín (Scape Room no exterior) é un xogo en grupo de catro persoas que ofrece unha viaxe por toda a vila co obxectivo de descubrir o segredo que agochan determinados persoeiros lalinenses. Unha secuencia de probas de enxeño onde a comunicación é fundamental. Está deseñado para que poidan participar tanto grupos de amigos como familias. Apto para todas as idades e gratuíto. Todas as persoas que desexen participar neste Scape Room deberán inscribirse no seguinte enlace que atoparán tamén na web do Concello https://forms.gle/Bf7hdjRjtMWXuND5A . A continuación os inscritos recibirán unha invitación a través de correo electrónico cos pasos que deberán seguir. Poderase descubrir o segredo a través das pistas dunha aplicación móbil que axudarán a resolver o misterio. Neste caso, o dispositivo móbil serve para chegar aos enigmas dispersos por todo o casco urbano. Os máis aventureiros poderán completar outras dúas fases en localizacións da periferia. Para comezar terán que acudir a un punto onde, se recibiches a invitación, poderás coller unha mochila con varios obxectos que se precisarán para resolver as probas. Esta mochila está totalmente pechada con candeados que se poden abrir a medida que se superen probas. O xogo consta de tres partes: Unha proba urbana, outra de natureza e unha última de verificación. Finalmente, os equipos que participen poden ver o seu resultado nun ranking de puntuacións. Os mellor puntuados serán nomeados Protectores. Durante os meses de xullo e agosto haberá tamén xornadas con actividades de aventura, tamén gratuítas: tirolina, rápel nivel iniciación/avanzado, tiro con arco e caiac.

Enlaces solicitudes A solicitude dos bonos para acceder ás actividades farase a través dos seguintes enlaces (como se indicou anteriormente, existe un número limitado de bonos para cada actividade e farase por orde de solicitude):


0 comentarios

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page