top of page
Foto del escritorLaura Moure

O Concello de Dozón estrena novo camión de residuos sólidos urbanos

Laura Moure/Dozón

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou este luns en Dozón que o Goberno galego publicará o próximo ano unha nova liña de colaboración cos concellos galegos para axudar aos concellos na adquisición de vehículos de recollida de lixo e contra incendios mediante o sistema de leasing. A nova orde estará dotada con 1,8 millóns con cargo ao Fondo de Cooperación Local e permitirá manter a colaboración da Xunta na renovación dos parques móbiles dos municipios con vehículos máis eficientes e sostibles.

Así o destacou Alfonso Rueda na presentación do novo camión de residuos sólidos urbanos totalmente equipado que o concello de Dozón adquiriu no marco do convenio asinado co Goberno galego. A Xunta apoiou ao municipio con 48.000 euros nesta actuación que se aliña cos obxectivos do Fondo de Compensación Ambiental (FCA) para ofrecer unha maior operatividade e calidade no servizo de recollida de residuos do concello. Ao acto tamén acudiron a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López.

Alfonso Rueda destacou o compromiso da Xunta para colaborar coas entidades locais co obxectivo de garantir máis e mellores servizos públicos á cidadanía, tanto a través da posta en marcha e da mellora das infraestruturas municipais desde as que se prestan estes servizos como con outras actuacións ambientais.

No concello de Dozón, o investimento da Xunta superou nos últimos anos os 241.600 euros, tanto en convenios coma o asinado para a adquisición deste novo camión de residuos como mediante as subvencións anuais da Orde de infraestruturas de uso público como o Fondo de Compensación Ambiental.

0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page