Luis Taboada conseguiu realizar este proxecto a custo cero para as arcas municipais ao ser un dos alcaldes que asinou o pacto para o clima e a enerxía sustentable
Laura Moure/Vila de Cruces
O Concello de Vila de Cruces recibe o proxecto do Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACES). O goberno local recibiu no Salón de Plenos do Consistorio aos representantes da empresa Edicon Consultores, que foi a firma encargada de elaborar o plan de acción correspondente. Estes plans realízanse coa intención de mellorar a sustentabilidade do concello, asumindo o compromiso voluntario de reducir as emisións de CO2 nun 40% antes do 2030, mellorando a eficiencia enerxética, utilizar fontes de enerxía renovables nos seus territorios e desenvolver medidas para adaptarse ás consecuencias do cambio climático.
Conforme as esixencias técnicas, o Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACES) estrutúrase en catro bloques básicos:
Inventario de Emisións de Referencia (IER). Inclúe unha cuantificación das emisións de CO2 derivadas dos consumos enerxéticos levados a cabo no municipio de Vila de Cruces para o ano de referencia seleccionado (2020). O IER posibilita a identificación das principais fontes antrópicas emisoras de CO2 e outros gases de efecto invernadoiro no municipio, achegando a información necesaria para o establecemento dun diagnóstico enerxético local a partir do cal se programan e priorizan as medidas do Plan de Acción quevan permitir reducir estas emisións.
Diagnóstico enerxético. A partir da información achegada no IER leva a cabo unha análise e diagnóstico pormenorizado da situación enerxética a escala local, incluíndo a identificación e avaliación das medidas adoptadas ata a data polo Concello relacionadas coa redución de emisións de GEI e a proxección de escenarios de emisión. Este diagnóstico permite poñer de manifesto os sectores estratéxicos sobre os que exercer maior esforzo para minimizar a súa incidencia no cambio climático a escala local.
Avaliación local da vulnerabilidade e riscos do cambio climático. Descrición e análise dos distintos riscos aos que o municipio está exposto tanto agora como aos que se poderá ver exposto no futuro por mor dos cambios producidos polo cambio climático na rexión, identificando as vulnerabilidades e oportunidades de adaptación que presenta o novo escenario climático.
Plan de Acción para o clima e a Enerxía Sostible (PACES). Planificación, estruturación, definición e priorización das medidas para levar a cabo ata o ano 2030 para alcanzar o obxectivo de reducir as emisións antrópicas de CO2 no Concello de Vila de Cruces, polo menos, nun 40 % dende o ano de referencia considerado. Inclúese ademais un plan de seguimento baseado en indicadores co obxectivo de asegurar a correcta vixilancia e implantación das medidas, así como a análise da súa efectividade en relación á redución dos consumos enerxéticos e emisións de GEI. Inclúese, ademais, unha caracterización xeral do termo municipal, a cal permita dispoñer dunha visión suficientemente ampla das condicións do municipio.
Este proxecto vén subvencionado polas axudas concedidas pola Consellería de Medio Ambiente dotado cunha contía económica de 6.000 euros, cos cales se sufragará o gasto deste proxecto, Taboada reafirma deste xeito o seu compromiso co medio ambiente e co compromiso firme de lograr un municipio máis sustentable.
Comentários