O Concello de Cruces celebrará a súa xuntanza anual das persoas maiores nas Insuas de Gres o 15 de xullo
- Laura Moure

- 16 jun
- 2 min de lectura
A inscrición estará aberta nas dependencias municipais desde o 22 de xuño ata o 3 de xullo
Laura Moure/Vila de Cruces
O Concello de Vila de Cruces organizará o mércores, 15 de xullo, a 33ª Xuntanza das Persoas Maiores de Vila de Cruces, nas Insuas de San Ramón na parroquia de Gres. Desde o Concello explican que esta xornada é unha oportunidade para compartir recordos, alegrías e bos momentos con quen foron e seguen sendo “exemplo de entrega, esforzo e sabedoría”. Tamén a xornada será unha forma de renderlle unha pequena homenaxe ás persoas maiores, desfrutar dunha comida en boa compañía e fortalecer os lazos que nos unen como comunidade.

O día da xuntanza, a recepción das persoas asistentes será ás 12:30 horas nas Insuas de Gres. A continuación, ás 12:45 horas, actuará o músico Carlos Manteiga. Ás 13:30 horas celebrarase un xantar de convivencia cun menú tradicional a base de empanada, polbo, carne ao caldeiro, postre, bebida e café. Finalmente, farase unha homenaxe ás persoas de máis idade e celebrarase un sorteo de agasallos. A xornada pecharase cun gran baile. En caso de chuvia, a comida realizarase no pavillón municipal de Cruces.
PUBLICIDADE
A xuntanza terá aforo limitado, polo que será imprescindible inscribirse. O período de inscrición estará aberto desde o 22 de xuño ata o 3 de xullo, no departamento de
Servizos Sociais do Concello de Cruces.
PUBLICIDADE
O xantar terá unha tarifa xeral de 25 euros, aínda que as persoas de 60 ou máis anos empadroadas no municipio accederán a unha tarifa reducida de 15 euros, mentres que
para os nenos e nenas de 0 a 5 anos a entrada será de balde. Ademais, contarase con servizo de transporte gratuíto para trasladar desde todas as parroquias aos asistentes que o soliciten previamente.








Comentarios