Laura Moure/Arzúa
A Concellería de Turismo e Acción Urbana do Concello de Arzúa traballa activamente
para promover e potenciar o patrimonio cultural e turístico do municipio. Neste eido solicita unha reunión urxente co xerente do Xacobeo "coa fin de asinar un convenio para que nos permita facer uso das instalacións da Antiga Casa de Correos de Arzúa, posto que a fachada e parte do interior estase a deteriorar pola falla de mantenemento ", explica a concelleira de Turismo e acción urbana, Begoña Balado.
Os labores de rehabilitación e conversión da antiga Casa de Correos de Arzúa, situada na rúa das Dores, nun edificio de uso público destinado a actividades culturais e turísticas, comezaron a finais do pasado ano. O proxecto, cun orzamento de 561.404 euros, financiado integramente polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, contou tamén cun investimento adicional de 65.000 euros para a realización do proxecto.
O proxecto contemplaba a recuperación da construción orixinal, adaptando o edificio á normativa vixente e ao seu novo uso como centro cultural. Este centro albergará actividades relacionadas co Camiño de Santiago, así como outras iniciativas culturais que promova o Concello de Arzúa.
As intervencións incluíron o acondicionamento do xardín, que quedou incorporado á rede de espazos libres de Arzúa, e a conexión dun itinerario que conecta tanto este novo espazo público co xardín do albergue de peregrinos como co acceso á Capela da Madanela. Esta actuación, enmarcada nas iniciativas do Goberno de España no ámbito do Camiño de Santiago, busca realzar o Xacobeo, contribuíndo a dinamizar o turismo e a xerar actividade económica local.
Publicidade
A rehabilitación, que afectou a 300 metros cadrados no interior do edificio e case mil metros no exterior, cumpríu cos prazos establecidos de dez meses, e dende o Goberno Municipal, recalca a edil Begoña Balado "estamos comprometidos coa posta en valor do noso patrimonio cultural e co impulso do turismo na nosa vila. Con este convenio co Xacobeo, esperamos poder ofrecer á veciñanza e aos visitantes un espazo único e dinámico para disfrutar da nosa rica historia e tradicións".
Comments