O Concello de Arzúa reitera ao Ministerio a urxencia de actuar para mellorar a seguridade viaria na N-547
- Laura Moure

- 25 jul
- 2 min de lectura
Solicita por terceira vez unha reunión coa Dirección Xeral de Estradas e reclama medidas inmediatas para mellorar a seguridade viaria e reducir o tráfico
Laura Moure/Arzúa
O Concello de Arzúa volveu solicitar unha reunión urxente coa Dirección Xeral de Estradas para abordar a situación da N-547 ao seu paso polo municipio e avanzar na adopción das actuacións necesarias para mellorar a seguridade viaria. Trátase da terceira comunicación formal que o Concello remite ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable para solicitar un encontro de traballo.

A petición prodúcese tras os atropelos rexistrados nos últimos días, uns feitos que incrementaron a sensación de inseguridade entre a veciñanza e reafirman a urxencia de actuar.
A N-547 precisa medidas específicas para mellorar a seguridade viaria. Unha necesidade agravada polos reiterados atrasos na apertura completa da A-54, que manteñen un elevado volume de tráfico de paso atravesando o municipio e incrementan a presión sobre a travesía.
PUBLICIDADE
O alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, sinala que "lamentamos profundamente os accidentes rexistrados nos últimos días e queremos trasladar todo o noso apoio ás persoas afectadas e ás súas familias. Estes feitos volven poñer de manifesto a urxencia de actuar. O Concello leva meses reclamando solucións ao Ministerio. Agora é necesario que o Ministerio coñeza sobre o terreo a realidade de Arzúa e asuma compromisos concretos para mellorar a seguridade viaria e reducir o tráfico de paso que soporta diariamente a nosa travesía".
PUBLICIDADE
Preme na imaxe para obter máis información do evento.
O Concello considera imprescindible que esta reunión permita coñecer sobre o terreo a realidade da N-547 ao seu paso por Arzúa, avaliar as actuacións pendentes e avanzar na adopción das medidas necesarias para mellorar a seguridade viaria.
PUBLICIDADE
Así mesmo, o Concello de Arzúa informa de que as follas da recollida de sinaturas promovida pola veciñanza para reclamar ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable medidas urxentes na N-547 estarán dispoñibles nas dependencias municipais, onde poderán ser asinadas por todas aquelas persoas que desexen sumarse á iniciativa.









Comentarios