top of page
Foto del escritorLaura Moure

O Concello de Arzúa programa unha escavación para poñer en valor o Castro Curbín

Será a cargo do grupo de investigación “Sincrisis Investigacións en Formas

Culturais”, da Facultade de Historia da Universidade de Santiago de Compostela


Laura Moure/Arzúa

O Concello de Arzúa está a programar unha escavación da man do grupo de investigación Sincrisis Investigacións en Formas Culturais, da Facultade de Historia da USC, para poñer en valor o patrimonio arqueolóxico de Arzúa cun proxecto de investigación e divulgación arqueolóxica de Castro Curbín. Un xacemento arqueolóxico que presenta un excelente estado de conservación e que permitirá obter información e coñecementos valiosos sobre as formas de vida das comunidades do pasado no interior galaico, unha

rexión habitualmente esquecida dentro da Prehistoria galega.


Para levar adiante este proxecto, Begoña Balado, concelleira de Turismo, mantivo varias reunións con técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia para presentarlles a iniciativa e solicitar a súa colaboración para acometer xa este outono unha primeira escavación no castro.


A proximidade do castro co Camiño de Santiago e respecto á Vía XIX do Itinerario de Antonino é moi significativa e privilexiada para a súa posta en valor, xa que non só permite que a poboación local integre o castro, senón que posibilita que transcenda tamén o Camiño, feito que pode ofrecer notables vías para o seu desenvolvemento social, económico e patrimonial.


Arredor do castro levaranse a cabo diferentes actividades relacionadas co Patrimonio local, tanto relacionadas coa arqueoloxía coma de divulgación e interacción coa comunidade (xornadas, conferencias, etc.). Trátase dun tesouro histórico e etnográfico que paga a pena protexer e conservar, para que poida ser coñecido e visitado por futuras xeracións.



0 comentarios

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page