O Concello de Arzúa programa esta Semana Santa unha nova edición da actividade A vila do mañá
- Laura Moure

- 28 mar 2023
- 2 min de lectura
Hai prazas limitadas e o prazo para anotarse arranca hoxe, martes, e rematará o venres 31
Laura Moure/Arzúa
O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa, dirixido por Aurora Varela, organiza de cara á vindeira Semana Santa unha nova edición da actividade A vila do mañá despois do éxito das anteriores desde que se iniciou este proxecto no noso municipio no mes de setembro do 2020. Nesta ocasión o programa terá lugar os días 3, 4, 5 e 6 de abril coincidindo coas vacacións escolares.

A Vila do Mañá é un proxecto educativo e de divulgación no que a través do xogo e da
creatividade se transforma o lugar que habitamos dando voz aos que normalmente non a
teñen, os nenos e os adolescentes, impulsando o seu dereito para formarse un xuízo propio do hábitat no que viven e a poder expresalo e poñelo de manifesto.
Con esta iniciativa, que ao mesmo tempo serve como medida para axudar á conciliación
en periodo de vacacións escolares, búscase tamén estimular unha actitude crítica dos máis novos para impulsar o seu desenvolvemento como unha cidadanía activa pois serán os responsables da vila do futuro.
Durante as xornadas que dura esta nova entrega, os participantes desfrutarán de diversas actividades de lecer e creativas principalmente ao aire libre polo casco urbano de Arzúa, tendo como actividade central identificar e sinalizar os lugares destacados da vila tanto para a veciñanza como para os visitantes aproveitando o paso do Camiño de Santiago.
Para participar é obrigatorio inscribirse previamente nas oficinas do Departamento de
Cultura ou chamando ao teléfono 981 500 222 desde hoxe, martes 28, ata este venres 31 de marzo en horario de 8:30 a 14:00 horas. Hai dúas quendas; polas mañás de 10:00 a 13:30 para menores de 5 a 11 anos e polas tardes, de 16:30 a 20:00 horas, para rapazada de 12 anos en diante. A inscrición é gratuíta e as prazas limitadas. As mesmas iranse cubrindo por rigorosa orde de inscrición.
A Concelleira de Cultura, Aurora Varela, aposta por esta iniciativa e valora positivamente
“ofertar un espazo de lecer diferente, creativo e sustentable no que se traballe a paisaxe e o entorno urbano do noso día a día a través do sempre interesente punto de vista das nenas e nenos”.








Comentarios