O Concello de Arzúa presentou a súa experiencia do Camiño Francés en Cantabria
- Laura Moure

- 26 oct 2023
- 2 Min. de lectura
Participaron os 11 concellos que forman parte da Mancomunidade de Municipios Galegos do Camiño Francés, entre eles ademais de Arzúa, Melide, O Pino, Monterroso e Palas
Laura Moure/Arzúa

A vicepresidenta da Mancomunidade de Municipios Galegos do Camiño Francés e representante no mesmo do Concello de Arzúa, Begoña Balado, vén de participar no encontro promovido polo Centro de Estudios Lebaniegos que tivo lugar o 23 e 24 de outubro no concello cántabro de Potes.
Unhas xornadas que baixo o título La peregrinación como motor socioeconómico: El Camino Francés y el Camino Lebaniego puxeron en valor ás experiencias que un e outro itinerario histórico foron atesourando e os mecanismos que os converteron en destinos turísticos de referencia.
Publicidade
O Camiño de Santiago representa sen dúbida un activo clave no desenvolvemento económico no rural pola súa capacidade de capilarizar os fluxos turísticos nas terras do
interior. Proba disto é a importancia desta actividade nos concellos que forman parte da Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés e especialmente Arzúa que foi quen de tecer unha malla mesta de aloxamentos na que teñen cabida casas de Turismo Rural, albergues e hoteis.
Publicidade
Para Begoña Balado “o goberno municipal tripartito (Alternativa por Arzúa, BNG e PSdeG) ven traballando desde a súa formación nun plan para dinamizar a actividade turística en base a tres criterios: a calidade da oferta, a desestacionalización da demanda e o fomento da convivencia entre turistas e os veciños e veciñas de Arzúa”. Esta iniciativa, na que colabora o Concello de Potes, xorde da necesidade de mellorar as infraestruturas no Camiño Lebaniego para que sexa unha experiencia satisfactoria para os peregrinos e para todos os municipios e poboadores que forman parte desta vía con séculos de historia ata o Mosteiro de Santo Toribio de Liébana. Para iso miran ao Camiño Francés onde se deron múltiples exemplos de éxito en zonas rurais moi despoboadas.
Os 11 concellos que forman parte da Mancomunidade de Municipios Galegos do Camiño Francés teñen un camiño común a eles, o Camiño Francés, circunstancia que os fai unirse para defendelo, protexelo, coidalo e publicitalo. Para estes concellos, 8 da provincia de Lugo (Pedrafita do Cebreiro, Triacastela, Samos, Sarria, Paradela, Portomarín, Monterroso, Palas de Rei) e 3 da provincia da Coruña (Melide, Arzúa e O Pino), o Camiño converteuse no seu motor económico, ademais de ser o que permite que as poboacións polas que transcorre poidan manterse e mesmo aumentar.
Publicidade
As áreas temáticas das xornadas centráronse nas infraestruturas e servizos, comparando e
mostrando a importancia que estes teñen para que un camiño prospere; tamén abordaron, a proxección de futuro, cara a onde deben encamiñarse os camiños de peregrinación para seren exitosos en afluencia ou a necesidade dunha correcta sinalización, posto que os fitos e deseños dos sinais deben cumprir uns criterios homoxéneos.









Comentarios