O Concello de Arzúa presenta a programación completa do seu Entroido
- Laura Moure
- 25 ene 2024
- 2 Min. de lectura
Laura Moure/Arzúa
O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa organiza para o Entroido unha programación de actividades que dará comezo o domingo 4 de febreiro co xa anunciado concurso de disfraces que se celebrará a partir das 17:00 horas no Multiusos Terra do Queixo onde se desenvolverán as actuacións dos participantes e se fará a entrega dos premios que superan os dous mil euros repartidos entre as categorías de comparsas, grupos, individual infantil, individual adulto e simpatía.

O concurso celebrarase co público sentado e cos concursantes facendo a súa intervención sobre escenario nunha gala que estará presentada polo humorista arzuán Xan Veiga. A apertura de portas farase unha hora antes do inicio.
Publicidade
As actividades continúan o sábado 10 coa actuación da agrupación folclórica O Bringuelo cunha exhibición de música e baile tradicional na que varias das pezas son propias do Entroido. A actuación será na Praza de Galiza ás 18:30 horas. En caso de mal tempo, trasladarase ao Multiusos Terra do Queixo.
Publicidade
A programación complétase na tarde do martes de Entroido, o día 13 de febreiro, cun baile de disfraces en horario de 17:00 a 20:00 horas que contará con inchables, chocolatada popular e coa actuación do dúo musical Estrellas. Estas actividades realizaranse na Praza de Galiza ou, en caso de mal tempo, no Multiusos Terra do Queixo.
Por último, o Departamento de Cultura insiste na novidade da programación deste ano, o concurso de elaboración de mecos. Toda persoa ou colectivo pode facer o seu meco e enviar unha foto do mesmo ao correo cultura@concellodearzua.com antes do 8 de febreiro ás 14:00 horas. O meco deberá estar colocado nun lugar visible (balcón, galería, establecemento comercial, centro educativo…). Haberá un prazo de votación popular no que para votar o meco favorito farase cun “gústame” na paxina de Facebook e Instagram do Departamento de Cultura do 9 ao 15 de febreiro. O día 16 de febreiro publicaranse os gañadores que se farán con tres premios dotados de 300, 120 e 80 euros para os tres máis votados.
Publicidade
O concelleiro de Cultura, José Luís García, anima “a toda a veciñanza a participar activamente nestas festas que significan moito para as nosas tradicións e cultura”.
NOTICIA RELACIONADA:
Toda a información sobre o Concurso de Entroido: https://www.ecosdacomarca.com/post/o-concello-de-arz%C3%BAa-convoca-un-concurso-de-disfraces-e-outro-de-elaboraci%C3%B3n-de-mecos-este-entroido
Comments