top of page

O Concello de Arzúa presenta a oferta das escolas deportivas e culturais para o novo curso

Todas as actividades darán comezo no mes de outubro e o prazo de inscrición ábrese o vindeiro martes, 19 de setembro


Laura Moure/Arzúa

O Concello de Arzúa presenta o programa de actividades das escolas municipais para o curso 2023-2024 cunha ampla oferta de actividades deportivas e culturais dirixidas a todos os públicos.


Por unha banda, o Departamento de Cultura continúa coa actividade de Danza Moderna dende os 5 anos nas tardes dos xoves. Tamén continúan un ano máis as clases de Pintura tanto para público infantil como adulto nas tardes dos mércores.

Publicidade

Ademais, debido á boa acollida da posta en marcha o ano pasado de dúas disciplinas novas, para este curso vólvense ofrecer clases de bailes afrolatinos (bachata, kizomba…) para persoas adultas os mércores a partir das 20:00 horas e a continuidade do Club de lectura que se desenvolverá os sábados pola mañá cada tres semanas na biblioteca municipal.

Dende o Departamento de Deportes continúan apostando polas diferentes modalidades deportivas que veñen alcanzando un alto éxito de participación e satisfacción nos últimos anos. Así, este departamento municipal ofertará de novo ximnasia de mantemento para persoas a partir dos 60 anos, ioga e zumba para maiores de idade, e tenis e patinaxe a partir dos cinco anos.


Publicidade

O alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, destaca“o importante esforzo que se fai desde o Concello por achegar actividades variadas ás veciñas e veciños, garantindo unha oferta ampla e que abrangue todos os grupos de idade, promovendo un lecer saudábel para todas e todos. O goberno municipal que dirixo está comprometido con achegarlle máis e mellores servizos á veciñanza de Arzúa, e traballaremos para amplialos nos vindeiros meses”.


Todas as actividades darán comezo no mes de outubro e o prazo de inscrición abrirase o vindeiro martes, 19 de setembro. Os anotamentos formalizaranse presencialmente na oficina de Cultura e Deportes. Poden solicitar máis información no teléfono 981 500 222.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page