Constará de dúas sesións que se impartirán o venres 11 e o luns 14 de novembro en horario de tarde e a inscrición é gratuíta
Laura Moure/Arzúa
O Centro de Información ás Mulleres do Concello de Arzúa organiza en torno á conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da violencia contra as mulleres, un curso de defensa persoal dirixido ás mulleres do municipio. Esta actividade realízase no marco do Acordo de Colaboración asinado entre a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e a Federación galega de Municipios e Provincias de Galicia para a conformación dunha Rede de entidades locais contra a violencia de xénero, da que o Concello de Arzúa forma parte.

O curso de defensa persoal e autocapacidades, é un curso de adestramento físico e
psíquico para crear protocolos de actuación cara diversas situacións. O obxectivo último é a prevención de situacións de violencia de xénero, e está dirixido a mulleres cunha condición física normal. Será impartido por monitores e monitoras especialistas en defensa persoal e integrantes da Federación Galega de Loita.
O curso constará de dúas sesións que se impartirán o venres 11 e o luns 14 de novembro en horario de 16:30 a 20:30 horas na Aula 4 de Edificio Multiusos Terra do Queixo. A inscrición, que é gratuíta, debe formalizarse no Centro de Información ás Mulleres do Concello de Arzúa (Rúa Santiago, 2), chamando ao 981 501 101 ou no formulario online.
As prazas son limitadas e o prazo para anotarse remata o 10 de novembro.
Comments