O Concello de Arzúa ofrece unha excursión gratuíta a Bueu
- Laura Moure

- 18 ago 2022
- 2 min de lectura
A viaxe, encadrada no programa Coñece o teu país, terá lugar o día 27 de agosto
Laura Moure/Arzúa
O Departamento de Cultura de Arzúa organiza a terceira das excursións do programa Coñece o teu país deste ano. Un ano máis, de maneira totalmente gratuíta, os veciños e veciñas poden realizar catro excursións ás catro provincias galegas.
.

Despois de visitar neste verán os municipios de Ferrol e Sober, ofrécense de novo cento dez prazas para achegarse, nesta ocasión, á localidade de Bueu na provincia de Pontevedra.
Nesta ocasión visitarase pola mañá o Museo Massó, situado nas dependencias da antiga fábrica de conservas Massó. O museo, de titularidade e xestión autonómica, amosa a aventura da conquista do mar e das grandes expedicións marítimas, e ofrece unha experiencia de coñecemento sobre a explotación dos recursos do mar a través das industrias da salgadura, das conservas e das factorías baleiras.

Tamén se coñecerá o Estaleiro da Banda do Río, tamén coñecido como de Purro. Atópase na Avenida de Montero Ríos ao carón da praia da Banda do Río e está ligado intimamente á historia marítima recente do concello de Bueu. Foi a derradeira carpintería de ribeira en activo, nela traballaron e formáronse moitos profesionais e veciños; nela construíronse infinidade de embarcacións, algunhas delas en activo. A xornada completarase con tempo libre para desfrute da praia.
Segundo se indica dende o Departamento de Cultura, todas as persoas interesadas en participar no programa deben achegarse persoalmente ao Departamento de Cultura a partir deste venres 19 de agosto, podendo anotar como máximo a un acompañante por cada solicitante. As prazas dispoñibles iranse cubrindo por orde de inscrición, sendo as mesmas limitadas. Todas aquelas persoas que desexen apuntarse para a excursión poderán facelo na oficina do Departamento de Cultura que está situada no edificio sociocultural María Mariño, na rúa Pai Pardo nº 33, no 1º andar (ao carón de Radio Arzúa).






Comentarios