top of page
Foto del escritorLaura Moure

O Concello de Arzúa ofrece catro saídas para este verán co programa 'Coñece o teu país'

Ares, O Saviñao, Pontevedra e Monterrei son os lugares elexidos nesta edición na que se ofrecen 440 prazas de balde



Laura Moure/Arzúa

O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa organiza unha nova edición do programa de excursións Coñece o teu país. A iniciativa regresa con catro novas visitas a diferentes lugares da xeografía galega ao longo dos meses estivais, de xuño a setembro, de maneira totalmente gratuíta.

A primeira delas será o vindeiro sábado día 29 de xuño á provincia da Coruña. A viaxe será ás localidades de Mugardos e Ares na que se realizará unha visita ao Museo Caldoval. Un proxecto museográfico ubicado en Mugardos que pon en valor o xacemento romano descuberto na enseada de Santa Lucía. Ata agora trátase dos únicos baños privados con palestra descubertos en todo o noroeste peninsular. Un complexo dedicado á hixiene, á saúde, ao ocio e probablemente tamén á práctica deportiva que formaba parte dunha villa habitada entre o século I e o V, en época do Imperio Romano. A xornada completarase cun paseo guiado pola vila de Mugardos e tempo para xantar e gozar dunha tarde de praia en Ares.


Publicidade

A segunda excursión correspondente á provincia de Lugo que se celebra en xullo, será o día 27. Nesta ocasión o destino elexido será o municipio de O Saviñao para visitar a igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño, a de Santa María de Seteventos e o Dolmen de Abuime. As dúas restantes serán o sábado 31 de agosto á cidade de Pontevedra e, xa para rematar este ano, realizarase unha saída a Monterrei na provincia de Ourense o sábado 28 de setembro.


Publicidade

Inscricións

Segundo se indica dende o Departamento de Cultura, todas as persoas interesadas en participar no programa deberán inscribirse na Oficina de Cultura e Deportes, podendo anotar como máximo a un acompañante por cada solicitante. As prazas dispoñibles iranse cubrindo por orde de inscrición, sendo as mesmas limitadas.


Todas aquelas persoas que desexen apuntarse á primeira viaxe organizada para o vindeiro 29 de xuño a Mugardos e a Ares, poden facelo completamente de balde a partir deste venres, 21 de xuño, entre as 8:30 e as 14:00 horas.


Publicidade

Lembren que o a Oficina de Cultura e Deportes está situada no edificio sociocultural María Mariño, na rúa Padre Pardo nº 33, no 1º andar (ao carón de Radio Arzúa).


0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page