top of page
Foto del escritorecosdacomarca

O Concello de Arzúa ofrece a segunda das excursións do programa 'Coñece o teu país'

Son gratuítas, pero é necesario anotarse e hai prazas limitadas


Ecos da Comarca/Arzúa

O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa informa da apertura do prazo de inscrición para a segunda das excursións do programa Coñece o teu país deste ano. Un ano máis, de maneira totalmente gratuíta, os veciños e veciñas poden realizar catro excursións ás catro provincias galegas.

Despois de coñecer máis de preto as localidades de Ares e Mugardos no pasado mes de xuño, a segunda viaxe será o vindeiro sábado día 27 de xullo a O Saviñao. Nesta ocasión farase unha visita guiada con acompañamento de guías oficiais ás igrexas de Santo Estevo de Ribas de Miño e Santa María de Seteventos, dous templos que recollen unha boa representación da ruta do románico deste municipio da Ribeira Sacra lucense.


Ademais, aproveitarase a xornada para achegarse a coñecer o dolmen de Abuime, dolmen cunha cámara descuberta que conserva seis ortostatos de granito que definen unha planta de tres metros de diámetro. Está considerado un dos maiores monumentos megalíticos de Galicia. O día completarase cun xantar en Escairón, capitalidade deste concello.

Publicidade

Segundo se indica dende o Departamento de Cultura, todas as persoas interesadas en participar no programa deben achegarse persoalmente á Oficina de Cultura e Deportes a partir de hoxe, venres, 19 de xullo, podendo anotar como máximo a un acompañante por cada solicitante. As prazas dispoñibles iranse cubrindo por orde de inscrición, sendo as mesmas limitadas.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page