O Concello de Arzúa lanza a nova edición dos Seráns de Ribadiso
- Laura Moure
- 1 jul
- 2 Min. de lectura
Laura Moure/Arzúa
O Concello de Arzúa presenta unha nova edición dos Seráns de Ribadiso, un ciclo con espectáculos e eventos ao aire libre que se desenvolverá durante os meses de xullo, agosto e setembro na área recreativa de Ribadiso. Trátase da segunda edición desta iniciativa, que busca dar continuidade á aposta por descentralizar a programación e recuperar espazos naturais como puntos de encontro habitual.

A programación, impulsada polo Concello, inclúe seis citas gratuítas para público adulto e familiar, con propostas escénicas, humor, música e narración oral. Entre os nomes destacados figuran Leti da Taberna, Peter Punk, Cé Orquestra Pantasma, Rendos Pequeno, Unto Vello e Xan Veiga.
O alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, valorou a continuidade do proxecto e a boa acollida que tivo na súa primeira edición: “Tras o bo balance da pasada edición, na que a resposta da veciñanza foi moi positiva, repetimos con esta programación que busca consolidarse no tempo e contribuír a que Ribadiso recupere todo o seu esplendor. O Concello de Arzúa traballa por levar a axenda de ocio a todas as parroquias e por devolverlle vida a espazos que durante anos quedaron esquecidos. Con propostas coma os Seráns de Ribadiso, queremos dinamizar o municipio, crear encontro e facer que cada recuncho do noso concello volva ser lugar de convivencia, participación e orgullo colectivo”.
Publicidade
Carril tamén subliñou a vontade do executivo local de avanzar na recuperación integral da contorna de Ribadiso: “Sabemos que recuperar a área de baño require un investimento moi por riba das posibilidades dun concello como o noso, pero non renunciamos a ese obxectivo. Por iso estamos a facer xestións para implicar outras administracións. Queremos un Ribadiso vivo todo o ano: coidado, accesible e cheo de vida. E seguimos no camiño, con paso firme e con toda a vontade”.
Publicidade
Os Seráns de Ribadiso 2025 comezan o sábado 5 de xullo coa actuación de Leti da Taberna e rematarán o 12 de setembro co espectáculo de humor a cargo de Xan Veiga. Todos os eventos serán ao aire libre e pensados para distintos públicos, reforzando a aposta do Concello de Arzúa por un lecer accesible, descentralizado e compartido.
Commentaires