Esta desenvolverase entre o 20 e o 25 a través das redes sociais, aínda que terá continuidade nos próximos meses, e ademais o CIM programa diversas actividades en conmemoración do 25 de novembro
Laura Moure/Arzúa
No marco do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o Concello de Arzúa, a través do Centro de Información á Muller (CIM), pon en marcha a campaña Os mellores homes que podemos ser, dirixida á poboación adolescente e adulta, e especialmente aos homes e ao seu papel na loita contra as violencias machistas.

Os mellores homes que podemos ser apela á imprescindible concienciación e implicación dos homes, fomentando a construción de masculinidades que aboguen por eliminar calquera forma de discriminación e violencia contra as mulleres no seu entorno e na sociedade.
Xogando cos Reels de redes sociais, moi de moda na poboación, a campaña anima á poboación masculina a verse reflectida nun modelo positivo de masculinidade, tratando así de xerar un pensamento preventivo e crítico fronte ás violencias machistas.
Paralelamente á campaña, que se desenvolverá entre o 20 e o 25 de novembro a través das redes sociais, aínda que terá continuidade nos próximos meses, o CIM programou diversas actividades en conmemoración do 25 de novembro. A programación comezou a semana pasada cun curso de defensa persoal e autocapacidades no que 18 mulleres de todas as idades aprenderon a crear protocolos de actuación cara diversas situacións.
As actividades continuarán a próxima semana, na que se contará co obradoiro Fagamos un bo trato sobre autocoñecemento e autocuidado dirixido a mulleres migrantes, onde se abordarán temas referentes ás relacións de parella, os mandatos culturais e a sexualidade entendida dun modo amplo.
A programación de actividades polo 25N será levada tamén aos centros educativos. Na EFA Piñeiral realizarase unha charla-coloquio sobre submisión química, impartido por Movimiento por la Paz e no IES Arzúa realizarase o obradoiro StandUP contra o acoso na rúa, impartido por Fundación Mujeres.
Na rúa
O obradoiro StandUP contra o acoso na rúa, que ten por obxectivo promover a intervención das persoas que presencian situacións de acoso na rúa e empoderar ás mulleres que sofren estas situacións proporcionándolles ferramentas para enfrontalo, realizarase tamén aberto a cidadanía o xoves 24 de novembro ás 16:00 na Aula Multissos do Edificio Sociocultural María Mariño.
Por último, o 17 de decembro ás 18:00 na Capela da Madalena terá lugar o espectáculo teatral Feminissimas, da compañía De Ste Xeito Producciones. Esta actividade forma parte do II Circuíto de Cultura en Igualdade da Deputación da Coruña.
A web da campaña, www.osmelloreshomes.com, estará accesible a partir do próximo luns, 20 de novembro.
Comentários