Este novo sabor poderá ser degustado por primeira vez nunha cata aberta ao público que terá lugar o 11 marzo na Casa de Correos
Laura Moure/Arzúa
O Concello de Arzúa apoiou a idea presentada por Bico de Xeado para dar forma a unha creación única que pon en valor o produto estrela da comarca. O resultado deste esforzo é o Xeado de Queixo de Arzúa-Ulloa DOP con Marmelo, unha delicia que combina tradición e innovación e que se presentou oficialmente o venres xunto á hostalería local. Esta é a primeira vez que Bico de Xeado fai unha adaptación deste tipo para unha colaboración especial.

Este novo sabor poderá ser degustado por primeira vez nunha cata aberta ao público que terá lugar o 11 marzo ás 18:00 horas na Casa de Correos. Ademais, os establecementos
hostaleiros de Arzúa terán a posibilidade de ofrecer este xeado nos seus locais, sumándose así á celebración da Festa do Queixo cun produto exclusivo.
Por outra banda, durante os días da Festa do Queixo, que se celebrará en Arzúa, o público
poderá degustar este xeado na foodtruck “Biconeta” situada no recinto festivo.
Dende o Concello de Arzúa destacan a importancia desta colaboración como exemplo de posta en valor dos produtos locais, promovendo sinerxías entre o sector público e privado para ofrecer novas experiencias gastronómicas aos asistentes á festa.
A Festa do Queixo, un dos eventos máis importantes do calendario gastronómico galego, volve apostar pola calidade e a innovación mantendo sempre a esencia da tradición. Con
esta nova proposta, os asistentes poderán descubrir unha maneira diferente de gozar do queixo de Arzúa-Ulloa DOP, fusionado coa cremosidade e frescura dun xeado artesanal.
Comments