top of page

O Concello de Arzúa dinamiza o comercio e a hostalaría coa décima edición do Día do Comercio Local

Os negocios que queiran participar, incluido os hosteleiros para organizar unha ruta de tapas, deberán anotarse no departamento de Cultura da administración local


Laura Moure/Arzúa

O Concello de Arzúa organiza o décimo Día do Comercio Local o xoves, 8 de decembro. Con esta cita preténdese continuar promocionando o comercio e a hostalaría do municipio aproveitando a proximidade da campaña de Nadal e a feira quincenal. Como en edicións anteriores, organizarase unha xornada con actividades, promocións e animación de rúa para todos os públicos.

Para poder deseñar unha proposta atractiva, o Concello pide a colaboración, por un lado, do comercio para que ese día ofrezan descontos, sorteos, vales de merca ou outras promocións.


E, por outro lado, animan aos locais hostaleiros a que se involucren nunha ruta de tapas para promocionar a gastronomía e os produtos de calidade da zona, así como, ao mesmo tempo, aos restaurantes, bares e cafeterías. Como novidade, este ano deberá haber un mínimo de dez establecementos da hostalaría anotados para levar a cabo dita ruta.

Como nas anteriores edicións, desde o Concello de Arzúa difundirase o evento, programaranse actividades e elaboraranse programas de man e cartelería con toda a información das actividadades e das propostas que os locais comerciais e hostaleiros vaian definindo.


Os empresarios e empresarias con interese en participar deberanse anotar no Departamento de Cultura do Concello de Arzúa, chamando ao teléfono 981 500 222 ou escribindo a cultura@concellodearzua.com do 20 de outubro ao 4 de novembro. A inscrición é gratuíta.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page