Especialmente intuitiva, turismoarzua.gal conta con textos en varios idiomas e cun destacado fondo fotográfico
Laura Moure/Arzúa
A concellaría de Turismo de Arzúa, que dirixe a edil socialista Begoña Balado, acaba de activar unha nova web para darlle cobertura á demanda de información da oferta turística que reclaman os visitantes que se achegan ata a vila para coñecer a súa paisaxe e o seu patrimonio cultural. A nova presenza na rede dálle visibilidade aos recursos turísticos a través dunha gran cantidade de fotografías, acompañadas de textos explicativos que poden ser seleccionados en galego, castelán ou inglés. Con esta ferramenta búscase acceder ao público, tanto de orixe nacional coma internacional, que tradicionalmente cruza o territorio do concello peregrinando a Compostela por algún dos camiños de Santiago.
Camiño no Viso, en Arzúa.
A distribución de contidos na páxina web pretende ser moi intuitiva para facilitar a navegación pola mesma, de xeito que se poidan coñecer os lugares máis emblemáticos, o patrimonio monumental ou as instalacións deportivas dispoñibles, dunha maneira sinxela e rápida. A oferta de restauración e hostalaría ten unha presenza destacada a través dunha completa guía de ocio, co obxectivo de que os visitantes que se acheguen a Arzúa poidan facer a súa reserva nalgún dos seus establecementos para descansar ou degustar a súa gastronomía.
Para facilitar a accesibilidade a nova web de https://turismoarzua.gal a concellería de Turismo vai a distribuír polos estabelecementos da vila material informativo trilingüe cun código Qr que dará entrada ao portal dixital.
Mapas virtuais
Outra das novidades que presenta a web é a presenza de mapas interactivos que mostrarán os principais activos turísticos do concello dunha maneira atractiva e cunha experiencia de usuario orientada a conseguir que os potenciais turistas lle dediquen tempo a explorar e descubrir todo o que se lles ofrece. Tamén servirán de apoio aos visitantes do concello: a ferramenta, que se asemella a unha App cando se accede dende un móbil, facilitará que estes atopen o camiño até os diferentes recursos turísticos.
Comments