top of page

O Concello de Arzúa chama á participación na manifestación convocada por Queremos Galego!

Será o día 23 e para facilitar a asistencia, pon á disposición da cidadanía un servizo de autobús gratuíto


Laura Moure/Arzúa

A plataforma Queremos Galego!, da que fai parte o Concello de Arzúa xunto con colectivos, institucións e movementos sociais de defensa da lingua, convoca unha gran manifestación en Santiago de Compostela o domingo 23 de febreiro baixo o lema “Lingua vital xa! Paremos a emerxencia lingüística”. A mobilización partirá ás 12:00 horas desde a Alameda de Santiago e rematará na Praza do Obradoiro.

foto

O Concello de Arzúa, como parte activa da plataforma, fai un chamamento á veciñanza para acudir a esta mobilización e esixir medidas urxentes que garantan a normalización e recuperación do galego. Para facilitar a asistencia, ponse á disposición da cidadanía un servizo de autobús gratuíto, que sairá ás 11:00 horas desde o aparcadoiro da Rúa de Lugo. As persoas interesadas poden inscribirse previamente chamando ou enviando un WhatsApp ao 626 798 291.


Publicidade

ANUNCIO
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

A concelleira de Lingua, Lucía López, puxo de relevo a necesidade de mobilización social ante a situación de emerxencia que atravesa a lingua galega: "Os últimos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) confirman unha realidade preocupante: por primeira vez, hai menos galegofalantes ca castelanfalantes no noso país. Estes datos evidencian a urxencia de que, desde as institucións poñamos os medios necesarios para reverter esta deriva e garantir o futuro da nosa lingua. O galego é o maior patrimonio do pobo galego e cómpre protexelo con medidas concretas desde as institucións."


O alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, destaca a importancia do traballo conxunto dentro da plataforma Queremos Galego! e o compromiso adquirido hai meses: "Hai uns meses acadamos o compromiso de adherirnos á plataforma Queremos Galego. Fixémolo porque acreditamos no seu traballo e na necesidade de sumar esforzos para garantir o futuro do galego. Queremos Galego! é un espazo amplo, no que conviven centos de colectivos con diversas sensibilidades e formas de organización, pero cun diagnóstico común: só sumando forzas poderemos reverter a situación crítica que atravesa a lingua galega no país."

PUBLICIDADE
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Desde o Concello de Arzúa reafírmase o compromiso con todas as iniciativas que defendan o galego e fomenten o seu uso na sociedade, e anímase a toda a veciñanza a participar activamente nesta mobilización.


Para máis información sobre a manifestación e os seus obxectivos, pódese consultar a web oficial da plataforma: www.queremosgalego.gal.

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page