O Concello de Arzúa aproba unha declaración institucional contra o xenocidio do pobo palestino
- ecosdacomarca
- 7 jun
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Arzúa
O Concello de Arzúa vén de facer pública unha declaración institucional de condena rotunda ao xenocidio que está a sufrir o pobo palestino a mans do Estado de Israel. A corporación municipal manifesta así o seu compromiso cos dereitos humanos, a paz e a xustiza social, sumándose ás voces que, desde Galiza e desde o conxunto da comunidade internacional, esixen o cesamento inmediato da ofensiva militar e o respecto ao Dereito Internacional.
A moción foi presentada no pleno ordinario do pasado xoves polo grupo municipal do BNG e contou co apoio maioritario da corporación, saíndo adiante cos votos favorables do BNG, Alternativa por Arzúa e PSOE. O grupo municipal do PP votou en contra.

A portavoz municipal do BNG e actual concelleira de Igualdade, Normalización Lingüística e Patrimonio, Lucía López, foi a encargada de defender a iniciativa. “Espero que esta moción saia adiante, pois está en xogo a nosa integridade como sociedade, nun momento de escalada destructiva. Temos a oportunidade de colocar esta institución no lado correcto da historia”, afirmou.
Na declaración aprobada, o concello expresa a súa “firme repulsa ante os gravísimos feitos que o Estado de Israel está a perpetrar na Palestina”, lembrando que múltiples informes das Nacións Unidas e de organismos internacionais documentan ataques indiscriminados á poboación civil, bloqueos de axuda humanitaria e desprazamentos forzados masivos.
Desde o consistorio arzuán sinalan que "a política sistemática de limpeza étnica impulsada polo Estado de Israel durante décadas tivo un novo punto de inflexión coa ofensiva iniciada o 7 de outubro de 2023, que está a provocar decenas de miles de vítimas mortais, persoas feridas e desprazadas, así como a destrución de infraestruturas esenciais como hospitais, escolas e centros de refuxiados". "A situación humanitaria é extrema", sinala a declaración, "especialmente para as crianzas, afectadas por fame e enfermidades".
A declaración institucional recolle os seguintes acordos:
A condena explícita ao Goberno de Israel polas accións que constitúen crimes de guerra e actos de xenocidio, segundo o Dereito Internacional.
A expresión de solidariedade co pobo palestino, vítima dunha ofensiva que vulnera sistematicamente os dereitos fundamentais.
A esixencia dun alto o fogo inmediato, a entrada de axuda humanitaria e o recoñecemento do dereito do pobo palestino a constituír un Estado libre e soberano.
A declaración de persoa non grata de Benjamin Netanyahu e dos membros do seu goberno desde o 7 de outubro, pola súa responsabilidade directa na catástrofe humanitaria en curso.
O compromiso de colaborar con entidades que envían axuda humanitaria a Palestina desde Galiza.
Publicidade
A colocación da bandeira palestina na fachada da Casa do Concello, como símbolo de solidariedade institucional.
Con esta iniciativa, o Concello de Arzúa súmase ao clamor internacional contra a impunidade e a barbarie, e reafirma o seu compromiso cos valores da solidariedade internacionalista, a defensa dos dereitos humanos e o dereito dos pobos á autodeterminación.
Commentaires