top of page

O Concello de Arzúa aproba presentar as alegacións contra o proxecto de macrocelulosa de Altri

Ecos da Comarca/Arzúa

Este martes o Concello de Arzúa celebrou un Pleno ordinario no que se abordaron cuestións clave que están afectando o día a día da veciñanza. Entre elas, pola relevancia mediática que está a ter, está a aprobación por parte do pleno da corporación de presentar alegacións contra o proxecto de macrocelulosa de Altri, "marcando unha posición clara do Concello a favor da preservación do noso entorno natural e sectores económicos estratéxicos como a gandería e o turismo. A iniciativa aprobouse a pesar dos posicionamento en contra do Partido Popular", sinalan dende o goberno local.


Durante esta sesión plenaria, ademais de abordar a importante cuestión medioambiental, a corporación municipal tratou temas cruciais como a modificación de ordenanza da utilización de locais municipais, onde os aspectos clave son a redución de burocracia e a eliminación de fianzas para o uso de instalacións municipais, facilitando así a actividade do tecido asociativo do concello, e a derogación da ordenanza fiscal, que non se estaba a aplicar. Tamén se debateron mocións relevantes no ámbito da agrogandería e a sanidade, dando especial atención á problemática xerada pola falta dun servizo pediátrico no centro de saúde, situación que afecta negativamente na calidade de vida da infancia arzuá que está a verse privada dun dereito básico como o acceso a saúde pública.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

"A decisión de confrontar o proxecto de Altri xorde da profunda preocupación da veciñanza polo potencial impacto ambiental negativo que a instalación dunha planta de macrocelulosa podería provocar. Queremos deste xeito reafirmar o compromiso do concello coa defensa e protección dos recursos naturais, o apoio aos sectores económicos estratéxicos para a economía local e garantir o benestar e a calidade de vida de todas e todos os arzuáns que non queren vivir entre polución e augas contaminadas”, afirmou o alcalde, Xoán Xesús Carril. "Para máis información sobre as alegacións presentadas e outras iniciativas discutidas no Pleno, convidamos á cidadanía a consultar os detalles a través da nosa páxina web oficial e redes sociais", engade.


Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page