Serán nove meses ininterrompidos, máis de 160 días que contarán con programación expositiva e un total de dez mostras ata finais de ano
Laura Moure/Arzúa
O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa amplía a oferta cultural e artística e presenta un ambicioso programa de exposicións para todo o ano que foi dado a coñecer onte nun acto público. En palabras da concelleira de Cultura, Aurora Varela, “este Concello, nunha forte aposta pola cultura e pola arte, pon en marcha un proxecto histórico e nunca antes levado a cabo no noso municipio”. Serán nove meses ininterrompidos, máis de 160 días que contarán con programación expositiva e un total de dez mostras ata finais de ano.

Tanto Aurora Varela como Cristina Carballedo, coordinadora e comisaria das distintas
exposicións, alabaron o papel da Capela da Madanela que acolle desde hai moito tempo unha grande variedade de propostas culturais, pero que nos últimos anos viu intensificada a súa actividade acollendo, ademais de exposicións, funcións de teatro, música, monólogos, presentacións literarais, proxeccións audiovisuais e un longo etcétera. Varela describiu a Madanela como “un dos espazos culturais de referencia da bisbarra e de todo o Camiño de Santiago” e, pola súa parte, Carballedo destacou “a súa historia e a súa ubicación ao pé do paso do Camiño pola zona máis antiga de Arzúa que a converte nun contenedor cultural moi atractivo e especial”.
Esta programación contempla a continuidade de exposicións como Bo Camiño que alcanzará a sétima edición ou Arte na rúa que xa se celebrou cinco anos de xeito continuo, e que ambas superaron no 2022 as 4.000 visitas, récord absoluto desde os seus inicios. Tamén se poñerán en marcha novas propostas temáticas como, por exemplo, unha homenaxe á muller rural, a arte sacra ou a cultura da morte en Galicia.
Durante os próximos meses sucederanse, case sen descanso, propostas expositivas
colectivas e individuais nas que os e as artistas locais terán unha forte presenza, xunto con
participantes de diversos puntos de Galicia.

Para despedir a presentación, Aurora Varela quixo “agradecer a colaboración de Cristina
Carballedo e de todos os artistas que fan posible levar adiante esta novidosa e importante
programación” e agarda que o público apoie estas iniciativas como ata o de agora.
Comments