O prazo de inscrición estará aberto do 18 ao 20 de xuño e as actividades realizaranse en quendas semanais durante o mes de xullo
Laura Moure/Arzúa
O Concello de Arzúa anuncia a apertura do prazo de inscrición para os Obradoiros Urbanos de Verán "Olimpiarte", unha iniciativa destinada a fomentar a autonomía e o desenvolvemento persoal das crianzas do concello. O prazo de inscrición estará aberto do 18 ao 20 de xuño e as actividades realizaranse en quendas semanais durante o mes de xullo.
Esta iniciativa é un traballo transversal entre as Concellarías de Deporte, Infancia e Xuventude, e Igualdade, reflectindo o compromiso do goberno local coa promoción de valores fundamentais como a igualdade, a inclusión e a importancia do deporte como ferramenta de desenvolvemento integral na infancia.
"Coa iniciativa dos Obradoiros Urbanos de verán 'Olimpiarte', buscamos fomentar o desenvolvemento persoal das crianzas, promovendo a autonomía, a convivencia, a cooperación e un estilo de vida saudable a través de actividades lúdicas e formativas", declara Xoán Xesús Carril, alcalde de Arzúa. "Estamos comprometidos en ofrecer aos nosos nenos e nenas oportunidades de aprendizaxe e desenvolvemento nun ambiente seguro e inclusivo."
Publicidade
Quendas Semanais:
1ª Quenda: 1-5 de xullo.
2ª Quenda: 8-12 de xullo.
3ª Quenda: 15-19 de xullo
Cada quenda contará con 25 prazas dispoñibles e desenvolverase en horario de 10:00 a 14:00 horas. As actividades van destinadas ás nenas e nenos nados entre o 2012 e 2020.
Publicidade
Os Obradoiros Urbanos de verán "Olimpiarte" son unha excelente oportunidade para que os nenos e nenas de Arzúa gocen dun verán cheo de aprendizaxe, diversión e deporte. O programa inclúe unha grande variedade de actividades deseñadas para promover valores positivos e habilidades prácticas nas crianzas. O proxecto tamén busca fortalecer os lazos entre a veciñanza e apoiar ás familias ofrecendo un espazo enriquecedor e seguro para os seus fillos e fillas durante as vacacións de verán.
Publicidade
O prazo de inscrición será dende hoxe, 18 de xuño, ao 20 deste mesmo mes. Para inscribir ás súas crianzas, os interesados poden visitar a sede electrónica do Concello de Arzúa (https://sede.concellodearzua.com/) ou presentarse presencialmente no rexistro do Concello.
Comments