É un ciclo formativo da Universidade de Santiago de Compostela que está dirixido ás persoas de máis de 50 anos
Laura Moure/Antas de Ulla
O Concello de Antas de Ulla acollerá os días 19, 21, 26, 27, 28 e 31 de maio o programa Universitario de Maiores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) que leva por título Camiños de coñecemento e experiencia. Proxecto de democratización do coñecemento. No ciclo inclúense seminarios sobre diversas temáticas e sesións prácticas impartidas por docentes da USC. A actividade está dirixida á poboación de Antas de Ulla de máis de 50 anos.
Para participar é preciso inscribirse no Concello de Antas de Ulla, onde os interesados tamén poden obter máis información da iniciativa. O prazo para anotarse estará aberto ata dous días antes do comezo das actividades e o lugar de celebración será na Casa da Cultura.
Contido
Os seminarios realizaranse todos en horario de tarde, de 16:30 a 18:00 horas. O primeiro deles será o 19 de maio e versará sobre Cambio climático: ou o que podemos perder. O día 21 farase unha visita á planta de tratamento de augas. O 26 de maio será quenda do seminario Simboloxía das cores, o 27 farase unha saída polos arredores para o estudo da simboloxía das cores. O 28 haberá un novo seminario: Contribucións do ocio ao envellecemento activo. A última xornada será o día 31 cun obradoiro práctico de análise do envellecemento activo a través do ocio.
A metodoloxía é de corte participativa e aberta, onde os docentes universitarios desenvolven dúas sesións de docencia, unha teórica (onde se pretende favorecer o diálogo e participación dos asistentes) e unha práctica cunha actividade de visita guiada, obradoiro...; sendo unhas sesións de corte humanístico e outras de carácter científico.
O programa pretende favorecer a democratización do coñecemento, potenciando e difundindo o coñecemento científico e artístico a toda a poboación maior de 50 anos das comarcas colaboradoras no proxecto.
コメント