top of page

O Concello de Agolada xa arranxou cinco lavadoiros públicos con fondos propios

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

O equipo do PAYJ pretende acabar de restauralos todos no vindeiro ano e comezará cos muíños


Laura Moure/Agolada

O equipo de goberno do PAYJ de Agolada está moi comprometido co Patrimonio. Mostra disto e que está arranxando os lavadoiros públicos das distintas parroquias utilizando fondos propios. En concreto, neste mandato xa restaurou cinco, nos vindeiros días empezará con outro e xa está proxectado un máis.

Lavadoiro reformado de Sobrado, Brántega.

Hai uns días finalizou a obra de rehabilitación do lavadoiro do lugar de Sobrado, na parroquia de Brántega. Este súmase a outros catro xa reformados: tres en Borraxeiros (un en Cristín e dous no Quinteiro) e outro en A Vila Grande (Merlín).


En todos eles a actuación consiste no cambio de estrutura e tellado usando para iso madeira de castaño e tamén se están pintando. Ademais, colócase unha placa de madeira coa data de finalización. E por suposto, todos se dotarán de auga.


Nos vindeiros días comezarase co arranxo do de San Paio de Bais que se atopa xunto

ao campo da festa, e tal e como indica o alcalde, Luis Calvo, xa está proxectado outro

no lugar de Cartimil, en Ventosa. “A idea é ter acabados os de todas as parroquias o vindeiro ano e despois comezaremos coa recuperación dos muíños”, avanza o rexedor.


O equipo de goberno pretende compralos ou senón chegar a un acordo cos propietarios para a súa cesión. “Queremos restauralos todos, porque son elementos do noso Patrimonio, ao igual que os lavadoiros, que debemos coidar para evitar que se perdan. E unha vez arranxados os muíños faremos rutas de senderismo para impulsar os atractivos do municipio de Agolada”, recalca o mandatario.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page