top of page
Foto del escritorLaura Moure

O Concello cruceño inicia a tramitación do novo contrato do SAF para afrontar a subida dos custos e mellorar o servizo

Prevese xestionar máis de 30.000 horas por un importe superior a 700.000 euros anuais


Laura Moure/Vila de Cruces

O Concello de Vila de Cruces inicia a tramitación do novo contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para afrontar a subida dos custos e mellorar o servizo. Co novo contrato prevese xestionar máis de 30.000 horas por un importe superior a 700.000 euros anuais.

"Os custos do Servizo de Axuda no Fogar multiplicáronse nos últimos anos. No 2016, co goberno cruceño do Partido Popular, a aportación do Concello foi de 0€ e no 2018 de 12.000€. Mentres, no 2022, o goberno de Xuntos aportou 75.000€ de fondos propios e para o vindeiro ano prevese unha aportación municipal de 250.000€. A pesar da forte subida do Servizo de Axuda no Fogar e da necesidade de manter e, incluso, reforzar dito servizo, a Xunta de Galicia conxela a súa aportación a 12€ por hora. Unha cantidade insuficiente tendo en conta que o prezo/hora se sitúa en torno aos 23€", sinala o Concello.


Publicidade

É por isto que o alcalde, Luis Taboada, pide á Xunta unha maior colaboración, a fin de reforzar e mellorar o Servizo de Axuda no Fogar e os dereitos das veciñas e veciños que se atopan nunha situación de dependencia. "Ante a falta de medios e apoio por parte da Xunta de Galicia, soster o Servizo de Axuda no Fogar resulta insostible para un concello como o de Vila de Cruces", lamentan. Actualmente, o goberno cruceño está a traballar na redacción dos novos pregos que rexirán o contrato co fin de elaborar unha proposta completa e consensuada que responda aos intereses das persoas en situación de dependencia e das profesionais que exercen os coidados.





0 comentarios

Komentáře


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page