O Concello convida aos silledenses a inscribirse no III Encontro Formativo sobre a Constitución Española
- Laura Moure
- 15 oct 2024
- 2 Min. de lectura
Terá lugar en Madrid en decembro e está dirixido aos mozos de 18 a 20 anos
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda informa aos mozos e mozas do municipio sobre a apertura da convocatoria para a III Edición do Encontro Formativo sobre a Constitución Española de 1978, promovido pola Secretaría de Estado de Relacións coas Cortes e Asuntos Constitucionais, en colaboración coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e o Consello da Xuventude de España.

Este encontro, que terá lugar en Madrid do 3 ao 7 de decembro, está dirixido a mozos e mozas de entre 18 e 20 anos, tanto estudantes como traballadores ou desempregados, co fin de ofrecerlles unha experiencia de aprendizaxe e participación sobre a Constitución Española. O programa inclúe sesións de debate, actividades participativas e visitas institucionais, nun ambiente que fomentará o intercambio de ideas entre mozos e mozas de toda España.
A organización cubrirá todos os gastos de desprazamento, aloxamento e manutención durante os días do encontro. Ademais, as visitas institucionais programadas inclúen lugares de gran relevancia, como o Palacio da Moncloa, onde está a Presidencia do Goberno, o Congreso dos Deputados, o Senado, o Tribunal Constitucional, o Consello Xeral do Poder Xudicial, o Defensor do Pobo, a Federación Española de Municipios e Provincias, o Centro de Estudos Políticos e Constitucionais, e o Consello da Xuventude de España. Como complemento, haberá unha visita cultural ao Museo Nacional Centro de Arte
Reina Sofía e á Galería das Coleccións Reais.
Publicidade
As persoas mozas interesadas en participar deberán inscribirse antes do 22 de outubro no Concello ou a través da plataforma habilitada pola FEMP, onde tamén poderán consultar o programa completo de actividades. A selección dos 30 mozos e mozas que finalmente participarán no encontro realizarase o 24 de outubro mediante un sorteo aleatorio entre todos os inscritos.
A concelleira de Mocidade, Mónica González, anima a todos os mozos e mozas do municipio “a aproveitar esta oportunidade única para coñecer máis sobre a nosa Constitución e compartir a experiencia con outros mozos de diferentes puntos do país”.
Комментарии