O Concello colabora coa XIII Concentración Moteira de Monterroso
- Laura Moure

- 19 jun
- 2 min de lectura
A cita será o 18 e 19 de xullo
Laura Moure/Monterroso
Monterroso será o escenario os días 18 e 19 de xullo da celebración da XIII Concentración Moteira, unha cita que reunirá afeccionados ás dúas rodas cun programa cargado de actividades, exhibicións e propostas de lecer.

O Concello de Monterroso é un dos principais patrocinadores deste evento que organiza o Motoclube Ó Corte e que vai incluír espectáculos de stunt, xogos moteiros, música e acampada gratuíta para os inscritos.
Na presentación do cartel participaron o alcalde de Monterroso, Eloy Pérez, xunto co concelleiro Balbino Martínez e membros do Motoclube Ó Corte.
Prevese que a concentración sexa o punto de encontro do motociclismo galego ao longo desa fin de semana de xullo.
PUBLICIDADE
Programa
O evento dará comezo o sábado 18 de xullo ás 16:00 horas coa apertura das inscricións. Unha hora máis tarde celebraranse diferentes xogos moteiros, entre os que se inclúen probas de ruído e carreiras de sacos. A programación continuará ás 19:00 horas coa primeira exhibición de stunt a cargo de Emilio Zamora, un dos pratos fortes da concentración.
A xornada remata cunha cea para os participantes ás 22:00 horas. Xa á medianoite terá lugar un segundo pase de Emilio Zamora, seguido dunha sesión musical amenizada por un DJ.
PUBLICIDADE
As actividades retomaranse o domingo 19 de xullo ás 09:00 horas cun almorzo para os asistentes. Ás 11:00 horas está prevista unha ruta turística libre con pinchos, mentres que ás 13:00 horas terá lugar unha sesión vermú. O programa pecharase ás 14:30 horas cun xantar de confraternidade, o sorteo de agasallos e a entrega de trofeos.
A organización ofrecerá ademais acampada gratuíta para as persoas inscritas e destaca que o evento estará aberto a todo tipo de público. As inscricións terán un prezo de 50 euros na modalidade completa e de 35 euros na modalidade reducida para os participantes.








Comentarios