“Por enésima vez os usuarios trasládannos queixas sobre o mal funcionamento da piscina e doutros servizos da mesma”, indica
Ecos da Comarca/Lalín
O concelleiro socialista de Lalín, Mario López, reitera “o pésimo funcinamento do Lalín Arena e as múltiples deficiencias que acumulan as súas instalacións e servizos froito da “desidia e abandono dun Avelino Souto máis pendente de manifestacións do PP e de sementar bulos sobre Pedro Sánchez ca de xestionar o centro deportivo”.

López remarca que “por enésima vez os usuarios trasládannos queixas sobre o mal funcionamento da piscina e doutros servizos da mesma”. Sinala que desde o mes de xuño “o baño turco que é moi utilizado non funciona nin hai ningunha vontade por parte do concelleiro para arranxalo”. “Souto enganou aos usuarios asegurando que se arranxaría aproveitando o peche do Arena no mes de agosto, pero a día de hoxe segue sen funcionar e non hai trazas de que se vaia reparar”. “A escusa”, sinala, “é que para isto non hai cartos, pero si que os houbo para unha subida estrépita dos seus salarios”.
Publicidade
Mario López reclama unha solución urxente e esíxelle a Souto “que deixe de rirse da xente e que se poña a traballar como se agarda de alguén que cobra 30 euros a hora como servidor público”.
“Tamén nos trasladan queixas de máis avarías nas saunas, onde os mandos non funcionan e os usuarios pagan pero non poden disfrutar dos servizos”, explica. Finalmente, o concelleiro socialista traslada que seguen existindo filtracións de auga nas instalacións e que a sala de ximnasio permanece sen monitores durante gran parte das xornadas.
Publicidade
Marcador Mario López pregunta, doutro lado, para cando se vai instalar o marcador prometido por Souto para o Manuel Anxo Cortizo. “Son moitos os socios dos clubs que utilizan o estadio e os aficionados que preguntan cada Domingo de fútbol porqué non temos marcador”. Para o socialista esta é outra mostra da deixadez do goberno local e do edil de deportes, que desatende as súas funcións para centrarse en facerlle oposición a Pedro Sánchez. López insiste en que “un estadio coma o Cortizo é vergoñento que non conte con marcador no que ver o tempo de xogo e o resultado, cando a práctica totalidade dos campos de fútbol de Galicia, aínda de menor categoría, dispoñen desta ferramenta”. “O investimento para mercalo é moi pequeno, pero non hai vontade política. Os nosos clubs e aficionados merecen instalacións e servizos dignos dunha vila coma Lalín, pero o goberno do PP non está á altura”, engade.
Comments