O lalinense Antonio Rodríguez Troitiño recurrira a inclusión “de xeito irregular” de 20 escuderías que “incumpren os requisitos establecidos no Regulamento Electoral
para ter dereito a voto”
Ecos da Comarca/Deza
O Comité Galego de Xustiza Deportiva (CGXD) comunicou esta mañá ao lalinense Antonio Rodríguez Troitiño e á Federación Galega de Automobilismo (FGA) a suspensión do proceso electoral “en tanto non se resolva o expediente que permita determinar a legalidade da composición do censo provisional en canto ao estamento de clubs”.
“Esta decisión excepcional do Comité Galego de Xustiza Deportiva deixa en evidencia
os acordos partidistas da Xunta Electoral e frea o intento de Iván Corral de adulterar o
proceso electoral coa inclusión no censo provisional, ao noso entender de xeito
irregular, de 20 escuderías que incumpren os requisitos establecidos no Regulamento
Electoral para ter dereito a voto”, manifesta Antonio Rodríguez Troitiño. “Non temos
nada en contra destas escuderías para solicitar a súa exclusión, pero as regras e
obrigas deben ser as mesmas para todos para que o proceso sexa limpo, ecuánime e
xusto”, incidiu.

O futuro candidato á presidencia da FGA en representación de Xeración-RenovaFGA
recorrerá "á inclusión no censo provisional das escuderías Amigos do Motor, AKFM, Squadra Racing, Miño, Galaica de Eventos, As Burgas, Fraguas Sport, Sermóvil
Barreiros Competición, Taboadela, Amoeiro, Boxes Competición, Historic Motorsport,
Team Medical, Gonzasport Competición, Segade, Sohers Competición, ACSM Rally
Team, AMF, Amsport Rallye Team e Charli Romero por incumprir o requisito de ter
participado ou organizado desde xaneiro dos dous anos anteriores ao ano de celebración das eleccións nunha competición deportiva oficial celebrada en cada unha das tempadas”.
Cómpre lembrar que por mor da Covid-19, esta referencia ás dúas tempadas anteriores enténdese feita ás tempadas 2018 e 2019, no lugar das tempadas 2020 e 2021, “polas circunstancias excepcionais da pandemia” nestas últimas dúas tempadas.
Na resolución emitida esta mañá, o CGXD estima que Antonio Rodríguez Troitiño ten “interese lexítimo en denunciar as irregularidades na composición do censo provisional” por considerar que “están incluidas entidades que non reúnen os requisitos legais para elo” e “ao ser a composición do censo nos distintos estamentos un elemento esencial do proceso electoral federativo que determina as persoas e entidades que deben ser consideradas electoras e elixibles”.
Ademais, o CGXD aprecia que o argumento da Xunta Electoral asegurando que as
citadas escuderías si reúnen os requisitos do Regulamento Electoral “contradí o argumentado e documentado polo recorrente, que, así mesmo, aporta información
dos calendarios e rallyes publicados pola FGA onde constan os clubs organizadores e participantes e que de forma xeral non coincide co argumentado pola Xunta Electoral”.
“Clara contradición”
“Esta clara contradición, xunto co feito de que a persoa da FGA que certifica a participación ou organización dos campionatos para acreditar que cada un dos clubs
reúne os requisitos para formar parte do censo provisional, trátase dun administrativo
da federación, don Antonio Penedo Marnotes, que non ten polo seu cargo as competencias precisas para emitir certificacións en nome da federación e sen acreditar os poderes para certificar estes datos, e máis o feito salientable de que non foron oídos nin informados os clubs cuxa exclusión se solicita neste expediente e que teñen, sen dúbida algunha, interese directo no asunto, xa que poden verse afectados os seus dereitos a ser electores e elixibles do que resulte da resolución deste recurso, determina que este Comité, tendo en conta o calendario electoral e a imposibilidade de solventar estes extremos en prazo, acorde con carácter previo, suspender o proceso electoral en tanto non se resolva o presente expediente, que permita determinar a legalidade da composición do censo provisional en canto ao estamento de clubs, con audiencia dos interesados e coa proba oportuna, permitindo con elo, que o proceso poida continuar con todas as garantías legais”, apunta o Comité.
Neste senso, o CGXD acorda dar traslado do expediente a través da FGA aos clubs cuxa
exclusión se solicita para que poidan aportar no prazo de dous días hábiles a documentación que consideren conveniente na defensa dos seus dereitos, así como
formular as alegacións oportunas. Ademais, requírelle á FGA que no mesmo prazo de
dous días hábiles “certifique os requisitos de cada un dos clubs afectados pola solicitude de exclusión para estar no censo provisional de entidades deportivas, adxuntando a este efectos a documentación xustificativa da participación ou/e organización dos campionatos que en cada caso os habilitan para elo, que debe estar subscrita polo Secretario da Comisión Xestora ou por persoa con competencias para emitir certificados dentro da federación a todos os efectos”.
Comments