top of page
Foto del escritorecosdacomarca

O comité de empresa do Scientia School de Lalín denuncia "que continúa a inestabilidade laboral"

"Segue a acometer impagos, contratando xente nova para cubrir baixas por IT, mantén a traballadores apartados do seu posto, nalgún caso mesmo con sentenzas firmes de reincorporación, e négase a acometer as sentenzas", acusa


Ecos da Comarca/Deza

O comité de empresa do centro educativo lalinense Scientia School convocou este luns unha rolda de prensa para "denunciar unha vez máis, as irregularidades que a empresa Scientia School está acometendo en materia laboral coas traballadoras e traballadores do colexio lalinense. Casualmente, e cando vai facer pasado mañá un ano das escritura da compra do Sagrado Corazón do Deza por esta empresa, seguimos a ter a mesma inestabilidade laboral que daquela", asegura.


"Debemos lembrar que (Scientia School, empresa pertencente ao grupo de empresas de ATLAS HOLDINGS EUROPA SL e tras a que se atopan Francisco Guerrero Cruces, Francisco Sanz Sanchez ou Estanislao Martínez) mercou o colexio de Lalín logo de presentarse e gañar a poxa (entre eles e a outra empresa interesada na compra do colexio) precisamente por optar á compra do colexio (en Concurso de Acreedores) incluíndo na súa oferta o mantendo da totalidade dos postos de traballo, e días despois, tras aparentar intentar negociar coa RLT un ERE extintivo (e que finalmente resultou fallido por incumprimento dos requisitos formais por parte do empresario Francisco Guerrero), remata o incidente co despido directo de seis compañeiras no mes de abril por supostas causas obxectivas e que nestes momento aínda están pendentes de xuízo".


O comité recalca que continúan os impagos. "Pois, pese a todo isto, e a ser unha empresa cun capital social de máis de dous millóns de euros (2.555.058,90 euros) continúa a acometer impagos aos seus traballadores e traballadoras, segue contratando xente nova para cubrir baixas por IT, mantén a traballadoras e traballadores do centro apartados do seu posto de traballo (nalgún caso mesmo con sentenzas firmes de reincorporación) e négase a acometer as sentenzas pese a ter solicitada a execución de sentenza por parte das compañeiras", cuestiona.


De igual xeito, e sendo estes feitos significativos, sinala que a semana pasada outra compañeira "veuse na obriga de ter que solicitar o “embargo das contas da empresa” para poder cobrar os máis de 8.000 euros que esta aínda lle adebeda e resulta, do embargo das contas, que a empresa só ten 900 euros na conta, ou que xa “comecen as chamadas de provedores ao centro querendo cobrar” segundo nos indican as compañeiras do centro".

Toda esta situación está provocando que as compañeiras e compañeiros do centro se vexan na obriga de solicitar continuos informes de vida laboral para comprobar en que situación se atopan, asegura o comité. "Pois os cambios nesta empresa fanse por sistema sen avisar, e con carácter retroactivo, como recentemente lle aconteceu a outra compañeira de Infantil quen, por negarse a asinar un contrato en claro fraude de lei, vese apartada das aulas o día 2 de decembro, é excluída do pago delegado dende o día 5 de novembro, pese a ter desenvolto o seu traballo nesa aula durante practicamente un mes, agora “en fraude”".


Dende a perspectiva pedagóxica "o centro tamén é un auténtico desastre", considera. "O cambio de profesora ou profesor nas aulas é continuo, mesmo nalgúns casos de xeito totalmente arbitrario e irregular. A implementación tecnolóxica que se vendeu no seu día constitúe outra cortina de fume máis. Os famosos chromebooks (tecnoloxía innovadora que prometeu a empresa) son ao final do conto, ordenadores portátiles reciclados doutro centro educativo do grupo empresarial neste caso do “Scientia Karmelo" que a empresa mantén aberto no País Vasco, resultando que as “famosas” tablets que lles foron prometidas ás familias de Educación Infantil, traducíronse a unha única tablet por profesora e aula, reutilizadas e procedendo do colexio Mengual que a empresa ten en Madrid dende fai anos tras, segundo nos fixo saber o antigo propietario do colexio madrileño, tras outra compra de dubidosa legalidade", acusa.


200 euros por cativo

Recorda os cartos que destinaron a este fin as familias. "Debemos lembrar que as familias abonaron 200 euros por crianza en calidade de pago polo material necesario para o curso escolar (tableta, plataforma dixital, fichas, etc) cando en realidade só están desfrutando das fichas que as mestras se viron na necesidade de elaborar, dada a carencia de contidos na plataforma que ademais, os que hai, non se axustan á lexislación educativa vixente, ademais das adquiridas polas familias que alcanzan un valor arredor de 40 euros".


De igual xeito, "as traballadoras e traballadores do centro, seguen a día de hoxe, sen coñecer a documentación educativa máis relevante do centro como é o caso do NOF, ou mesmo a Programación Xeral, seguen sen saber quen ostenta a responsabilidade da xefatura de departamento nalgún caso, seguen sen ter o calendario laboral actualizado (non calendario escolar que este si está aprobado pola Consellaría). Non hai convocatoria nin organización de reunións dos distintos departamentos, dos que xa foi comunicada a xefatura a comezos de curso, nin Comisión de Coordinación Pedagóxica (CCP) nin claustros, xa que simplemente nos convocan a reunións (sen anunciar debidamente en tempo e forma) e moitas veces mesmo a través de Whatsapp (de maneira telemática) pero que en todo caso, non se axustan nin a cadencia nis aos procedementos establecidos normativamente".


De feito, incide en que hai departamentos didácticos na ESO dos que se descoñece a xefa de departamento, "pero agora de repente, como sempre decisións espontáneas, estanse pedindo actas das tales reunións". "O único que parece importar son as actividades complementarias que xestiona a empresa desde Madrid e que tememos que son só para “dar unha aparenza de boa xestión” fronte a un caos educativo total, do que nos sorprende que tanto a inspección educativa como a propia Consellaría de Educación, baixo a dirección do lalinense Román Rodríguez, continúen caladas ao respecto".


Por outra banda, afirma Scientia school, "segue a incumprir a lexislación laboral e sen dar resposta ás demandas das traballadoras levadas a cabo a través do comité de empresa no relativo á entrega da documentación ás traballadoras e traballadores. Logo de terllo reclamado por escrito en varias ocasións, e mesmo telo denunciado diante da propia inspección laboral, este comité vese na obriga de elevar ao xulgado do social esta situación, e procederá a demandar xudicialmente este feito que supón un incumprimento grave do Estatuto Básico do Traballador (EBT). Por aclarar conceptos compre recordar que o ETB, establece que: Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores".


Artigo 64. Dereitos de información e consulta e competencias.

  1. O comité de empresa terá dereito a ser informado e consultado polo empresario sobre aquelas cuestións que poidan afectar os traballadores, así como sobre a situación da empresa e a evolución do emprego nela, nos termos previstos neste artigo.

Enténdese por información a transmisión de datos polo empresario ao comité de empresa, co fin de que este teña coñecemento dunha cuestión determinada e poida proceder ao seu exame. Por consulta enténdese o intercambio de opinións e a apertura dun diálogo entre o empresario e o comité de empresa sobre unha cuestión determinada, incluíndo, se fora o caso, a emisión de informe previo por parte del.


Na definición ou aplicación dos procedementos de información e consulta, o empresario e o comité de empresa actuarán con espírito de cooperación, en cumprimento dos seus dereitos e obrigas recíprocas, tendo en conta tanto os intereses da empresa como os dos traballadores.


2. O comité de empresa terá dereito a ser informado trimestralmente:

a) Sobre a evolución xeral do sector económico a que pertence a empresa.

b) Sobre a situación económica da empresa e a evolución recente e probable das súas actividades, incluídas as actuacións ambientais que teñan repercusión directa no emprego, así como sobre a produción e vendas, incluído o programa de produción.

c) Sobre as previsións do empresario de subscrición de novos contratos, con indicación do número destes e das modalidades e tipos que serán utilizados, incluídos os contratos a tempo parcial, a realización de horas complementarias polos traballadores contratados a tempo parcial e dos supostos de subcontratación.

d) Das estatísticas sobre o índice de absentismo e as causas, os accidentes de traballo e enfermidades profesionais e as súas consecuencias, os índices de sinistralidade, os estudos periódicos ou especiais do ambiente laboral e os mecanismos de prevención que se utilicen.


3. Tamén terá dereito a recibir información, ao menos anualmente, relativa á aplicación na empresa do dereito de igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes, entre a que se incluirán datos sobre a proporción de mulleres e homes nos diferentes niveis profesionais, así como, se for o caso, sobre as medidas que se adoptasen para fomentar a igualdade entre mulleres e homes na empresa e, de terse establecido un plan de igualdade, sobre a súa aplicación.


4. O comité de empresa, coa periodicidade que proceda en cada caso, terá dereito:

a) A coñecer o balance, a conta de resultados, a memoria e, no caso de que a empresa revista a forma de sociedade por accións ou participacións, os demais documentos que se dean a coñecer aos socios, e nas mesmas condicións que a estes.

b) A coñecer os modelos de contrato de traballo escrito que se utilicen na empresa así como os documentos relativos á terminación da relación laboral.

c) A ser informado de todas as sancións impostas por faltas moi graves.

Así mesmo, o comité de empresa terá dereito a recibir a copia básica dos contratos, así como a notificación das prórrogas e das denuncias correspondentes a eles no prazo de dez días seguintes a que teñan lugar.


5. O comité de empresa terá dereito a ser informado e consultado sobre a situación e estrutura do emprego na empresa ou no centro de traballo, así como a ser informado trimestralmente sobre a súa evolución probable, incluíndo a consulta cando se prevexan cambios ao respecto. Así mesmo, terá dereito a ser informado e consultado sobre todas as decisións da empresa que poidan provocar cambios relevantes en canto á organización do traballo e aos contratos de traballo na empresa. Igualmente, terá dereito a ser informado e consultado sobre a adopción de eventuais medidas preventivas, especialmente en caso de risco para o emprego.


O comité de empresa terá dereito a emitir informe, con carácter previo á execución por parte do empresario das decisións adoptadas por este, sobre as seguintes cuestións:

a) As reestruturacións do cadro de persoal e cesamentos totais ou parciais, definitivos ou temporais, daquel.

b) As reducións de xornada.

c) O traslado total ou parcial das instalacións.

d) Os procesos de fusión, absorción ou modificación do status xurídico da empresa que impliquen calquera incidencia que poida afectar o volume de emprego.

e) Os plans de formación profesional na empresa.

f) A implantación e revisión de sistemas de organización e control do traballo, estudos de tempos, establecemento de sistemas de primas e incentivos e valoración de postos de traballo.


6. A información deberalla facilitar o empresario ao comité de empresa, sen prexuízo do establecido especificamente en cada caso, nun momento, dunha maneira e cun contido apropiados, que permitan aos representantes dos traballadores proceder ao seu exame adecuado e preparar, se for o caso, a consulta e o informe.

A consulta deberase realizar, salvo que expresamente estea establecida outra cousa, nun momento e cun contido apropiados, no nivel de dirección e representación correspondente da empresa, e de tal maneira que lles permita aos representantes dos traballadores, sobre a base da información recibida, reunirse co empresario, obter unha resposta xustificada ao seu eventual informe e poder contrastar os seus puntos de vista ou opinións con obxecto, se for o caso, de poder chegar a un acordo sobre as cuestións indicadas no número 5, e isto sen prexuízo das facultades que se recoñecen ao empresario ao respecto en relación con cada unha das ditas cuestións. En todo caso, a consulta deberá permitir que o criterio do comité poida ser coñecido polo empresario á hora de adoptar ou de executar as decisións.


Os informes que deba emitir o comité de empresa terán que se elaborar no prazo máximo de quince días desde que fosen solicitados e remitidas as informacións correspondentes.


7. O comité de empresa terá tamén as seguintes competencias:

a) Exercer un labor:

1.º De vixilancia no cumprimento das normas vixentes en materia laboral, de seguridade social e de emprego, así como do resto dos pactos, condicións e usos de empresa en vigor, formulando, se for o caso, as accións legais oportunas ante o empresario e os organismos ou tribunais competentes.

2.º De vixilancia e control das condicións de seguridade e saúde no desenvolvemento do traballo na empresa, coas particularidades previstas nesta orde polo artigo 19.

3.º De vixilancia do respecto e aplicación do principio de igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes.

b) Participar, como se determine por convenio colectivo, na xestión de obras sociais establecidas na empresa en beneficio dos traballadores ou dos seus familiares.

c) Colaborar coa dirección da empresa para conseguir o establecemento de cantas medidas procuren o mantemento e o incremento da produtividade, así como a sustentabilidade ambiental da empresa, se así está pactado nos convenios colectivos.

d) Colaborar coa dirección da empresa no establecemento e posta en marcha de medidas de conciliación.

e) Informar os seus representados sobre todos os temas e cuestións sinalados neste artigo en canto directa ou indirectamente teñan ou poidan ter repercusión nas relacións laborais.

8. O disposto no presente artigo entenderase sen prexuízo das disposicións específicas previstas noutros artigos desta lei ou noutras normas legais ou regulamentarias.

9. Respectando o establecido legal ou regulamentariamente, nos convenios colectivos poderanse establecer disposicións específicas relativas ao contido e ás modalidades de exercicio dos dereitos de información e consulta previstos neste artigo, así como ao nivel de representación máis adecuado para exercelos.






0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page