Consideran que todo é unha cadea e o cerre perimetral tampouco lles axuda
Laura Moure
A pandemia está deixando múltiples consecuencias a todos os niveis. Son moitos os sectores afectados que están loitando por seguir en pé cada día. As continuas e cambiantes limitacións para frear o virus estalles ocasionando importantes trastornos e graves perdas. O comercio tivo que pechar as súas portas nas pasadas semanas ás seis da tarde e puideron retomar o seu horario habitual este mércores. Sen embargo, nin con máis ou menos horas abertos as ventas non son as mellores. Ademais, notan en gran medida o peche da hostalaría.
"No noso caso de momento estaremos ata as 19:00 horas mentres duren as restrincións non voltaremos a ter o horario de sempre xa que de momento non temos a afluencia de xente como para ter un horario completamente normal", indica Aida Soto, reponsable da tenda Nela's Trend de Lalín. "Tivemos moitas perdas. Non creemos que as tiveramos por modificar un horario, temos páxina web activa as 24 horas co cal simplemente cremos que a situación, o medo e a incerteza fan que a xente non vaia ao comercio mercar. Aínda que sabemos que cumprimos as normas e andamos con moita cautela", apunta. E considera que o peche de bares lles está tamén pasando factura a eles. "O peche da hostalaría nótase moitísimo. A nosa tenda está situada nunha zona onde a diario pasaba moita xente. Xente que ía a tomar o seu café e a volta paraba a mercar. Dende que pechou a hostalaría as rúas están completamente baleiras e parece que non hai vida no pobo", recalca.
Pola súa banda, Marga Vilariño, responsable da tenda melidense Sakho alégrase de poder volver ao seu horario. "A verdade é que se nota poder abrir en horario habitual. Si que houbo perdas, unha pola situación en xeral, e outra porque nótase que a xente ten medo e o final o non poder saír tampouco se compra. Todo é unha cadea, pero no noso caso abrir dúas horas pola tarde non compesaba moito e notouse un montón", sinala. E tamén coincide con Soto en que lles afecta que a hostalaría permaneza pechada. "O peche da hostelería aféctanos sen dúbida. Eu noteino desde o primeiro dia. O pobo está sen movemento e sen vida e o peche de concellos da comarca foi outro gran aliciente a que as ventas baixaran", apunta Vilariño.
Comentarios