O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia insta a Xunta a ampliar a información sobre os incendios
- ecosdacomarca

- 21 ago 2025
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Xeral
A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia dirixiu esta semana unha carta á Conselleira do Medio Rural para instar o seu departamento a ofrecer información máis ampla, frecuente e sistematizada sobre a vaga de incendios, de maneira que xornalistas e cidadanía dispoñan de datos completos e actualizados para poder afrontar a emerxencia.

O CPXG traslada no seu escrito a demanda dos profesionais de que se recuperen os tres partes informativos diarios da Consellería, reducidos a dous nas últimas xornadas, de maneira que poida transmitirse á poboación un retrato actualizado da situación durante todo o día. Así mesmo, ínstase novamente a Consellería a ampliar a información que ofrece sobre lumes forestais activos, por canto segue sen dar conta dos incendios inferiores ás 20 hectáreas se non afectan a espazos habitados ou parques naturais, o que provocou baleiros informativos na actual crise, e tamén se lle solicita que se acheguen outros datos, como os medios e persoal despregado, desglosado por días e concellos. Demándase así mesmo que, ademais de comunicados de prensa, se forneza tamén información sistematizada en formatos abertos, que permitan reutilizar e comparar os datos.
Publicidade
O Colexio de Xornalistas reclama o compromiso da titular da Consellería coa obriga de transparencia das administracións públicas, en beneficio do dereito á información da cidadanía, dunha maior confianza nas institucións e do freo á difusión de especulacións e loiadas.
O CPXG recorda tamén a especial responsabilidade dos medios públicos galegos como fonte informativa de referencia nunha crise destas características, trala denuncia por parte do comité intercentros da CSAG de deficiencias no cumprimento da misión de servizo público durante a actual crise. É nas situacións de emerxencia cando máis se precisa do traballo profesional e rigoroso da televisión, radio e canles dixitais públicas, e do liderado duns servizos informativos con autonomía profesional e dotados do persoal propio necesario, despregado por todo o territorio.
Publicidade
A Xunta de Goberno do CPXG salienta o indispensable traballo dos e das profesionais da información en circunstancias tan difíciles como as desta vaga de incendios, ante o dobre reto de facilitar información urxente e rigorosa á cidadanía e de achegar contexto e profundidade ao tratamento dunha problemática tan complexa. Así mesmo, o Colexio de Xornalistas de Galicia quere transmitir a súa solidaridade con todas as persoas e comunidades afectadas polos lumes.








Comentarios