O colexio de Boimorto e o instituto de Melide acollerán un plan piloto de prevención da ludopatía
- ecosdacomarca
- 5 abr 2021
- 3 Min. de lectura
A Deputación da Coruña poñerá en marcha este programa nun total de 18 centros educativos
Laura Moure
A Deputación da Coruña anunciou este luns a posta en marcha dun novo programa piloto de prevención da ludopatía nos centros educativos da provincia para o que contará coa colaboración de Agalure, entidade de referencia na provincia na prevención e tratamento da adicción ao xogo. O programa desenvolverase durante este ano en 18 centros educativos de ESO das distintas comarcas coruñesas, entre eles no colexio de Boimorto e no instituto melidense, e estará centrado especialmente nas apostas deportivas e o xogo online, que segundo os datos da entidade, é o que máis medra entre a mocidade e o principal motivo das consultas que lles chegan nos últimos anos.
O presidente provincial, Valentín González Formoso, visitou hoxe xunto á deputada de Benestar Social, Ana Lamas, a sede da entidade na cidade herculina para coñecer o seu traballo, que conta desde hai anos co apoio económico da Deputación,e presentar este novo programa co que pretenden "concienciar á mocidade dos importantes riscos que entrañan estas novas modalidades de xogo". "Imos declarar a guerra ao fomento do xogo entre os adolescentes. Imos atacar de fronte esta lacra e dar a batalla cada día, todos os días e desde todos os estamentos políticos, sociais e administrativos ao noso alcance", afirmou Valentín González Formoso, que considerou "indignante que aínda a día de hoxe vexamos anuncios en televisión ás dez da noite de ídolos do deporte anunciando casas de apostas". "A Deputación da Coruña vai marcar como un obxectivo claro e priotario a prevención da adicción e imos a esixir ao Ministerio de Consumo e á Xunta de Galicia que actúen para resolver este problema que destroza vidas e familias", sostivo o presidente.
Pola súa banda, o coordinador de Agalure, Gerardo Rodríguez, agradeceu a iniciativa da Deputación para levar a cabo este proxecto piloto entre "unha poboación especialmente vulnerable, como son os menores de idade. Todo o que podamos investir en prevención e un futuro menor gasto en tratamento", afirmou.
Mentres que a adición ás máquinas comecartos descendeu nos últimos anos, as apostas deportivas e o xogo online experimentaron un notable incremento, tamén durante a pandemia. Este novo perfil de adicción ao xogo afecta a persoas con idade media cada vez menor e o tempo de latencia para adquirir a dependencia é moi inferior no xogo en liña que nas máquinas recreativas, segundo explicou o secretario de Agalure, que demandou ás autoridades "un control estricto para os sectores vulnerables, como son menores e para as persoas que teñen autoprohibido o xogo"."Estamos vendo persoas con 18 ou 20 anos con débedas moi grandes, impensables para esas idades debido ao xogo online", sinalou.
A deputada de Benestar Social, Ana Lamas, destacou que se trata dun proxecto piloto que a Deputación ten previsto estender para que os máis novos aprendan a diferenciar o uso, o abuso e a adicción. "Neste primeiro plan, que é pioneiro neste campo, desenvolveranse 18 charlas informativas en todas as comarcas da provincia, centrándonos nos concellos máis pequenos, da man dunha asociación de referencia como Agalure e tratando de implicar a toda a comunidade educativa", apuntou.
Centros educativos participantes
O programa está destinado ao alumnado de 3º e 4ª de ESO e desenvolverase nos centros educativos CPI Plurilingüe Eusebio Lorenzo Baleirón (Dodro), IES Cabo Ortegal (Cariño), CPI de San Sadurniño (San Sadurniño), CPI Plurilingüe Virxe da Cela (Monfero), IES de Viós (Abegondo), IES de Curtis (Curtis), CPI Plurilingüe Cabo da Area (Laxe), CPI de Xanceda (Mesía), CPI Armando Cotarelo Valledor (Boimorto), IES de Melide (Melide), CPI de Zas e IES Maximino Romero de Lema (Zas), CPI Plurilingüe da Picota (Mazaricos), CPI San Vicente (A Baña), CPI de Bembibre (Val do Dubra), IES Ramón Caamaño (Muxía), IES Lamas de Castelo (Carnota), CPI Plurilingüe Cernadas de Castro (Lousame) e IES Félix Muriel (Rianxo).
Ademáis das accións nos centros escolares, o programa inclúe reunións cos técnicos dos concellos e orientadores dos centros de secundaria de cada unha das 18 comarcas, nos que os e as profesionais de Agalure informarán sobre as adiccións sen substancia e como estas afectan á mocidade.

Lamas, Rodríguez e González durante a presentación do programa piloto.
Comments