top of page

O colexio de Boimorto e o IES de Monterroso participarán este curso no EduReferentes

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

É un programa dirixido aos centros educativos públicos que busca dar a coñecer o papel de referentes femininas nas aulas e contribuír á igualdade desde idades temperás


Laura Moure/Boimorto/Monterroso

Un total de 20 centros educativos van participar este curso no EduReferentes, un programa dirixido aos centros educativos públicos co que se busca dar a coñecer o papel de referentes femininas nas aulas e, deste xeito, contribuír a favorecer a igualdade desde idades temperás. Das comarcas de Arzúa, Deza, Terra de Melide e A Ulloa figuran dous: CPI Armando Cotarelo Valledor de Boimorto e o IES de Monterroso.


A iniciativa, impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade en colaboración coa Asociación Executivas de Galicia, está dirixida ao alumnado das etapas de Educación Secundaria Obrigatoria e de Formación Profesional Básica, para que -a través de charlas e sesións de mentorización- teñan a oportunidade de coñecer novas referencias femininas no ámbito profesional e, deste xeito, que a mocidade dispoña de novas ferramentas para unha orientación vocacional libre de estereotipos de xénero.

O programa inclúe charlas e sesións prácticas nas que profesionais referentes galegas de éxito de diversos sectores se achegarán ás aulas para dar a coñecer a súa experiencia a través de encontros e mentorías individualizadas para potenciar as habilidades persoais dos alumnos. Trátase de sesións de 50 minutos onde o alumnado terá a oportunidade de traballar diferentes habilidades sociais e de comunicación baixo a supervisión destas mulleres referentes. O departamento de Orientación de cada un dos centros adheridos ao programa será o encargado da súa coordinación.


Acompañamento individualizado

No caso das mentorías individualizadas, os centros educativos participantes farán unha selección de cinco alumnos para ser acompañados por unha profesional referente no seu ámbito. A persoa mentora compartirá a súa experiencia e coñecemento ao longo de cinco sesións individualizadas, apoiando o alumnado nas súas fortalezas, habilidades e intereses. Unha vez finalizado o programa, o alumnado mentorizado recibirá un diploma acreditativo.

As charlas terán lugar ao longo do segundo trimestre deste curso mentres que as mentorías realizaranse entre o segundo e o terceiro trimestre.


Pode consultar o resto de centro educativos que participan no seguinte enlace:

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page